O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, levou unha pregunta oral ao Pleno do Parlamento para esixirlle ao conselleiro de Medio Rural que responda do “escandaloso” nomeamento do ex parlamentario do PP e portavoz en O Barco de Valdeorras, Moisés Blanco Paradelo, como alto cargo do Agader.
O responsable socialista criticou a “tomadura de pelo á cidadanía” que o goberno galego modificara os criterios da convocatoria para adecualos ao perfil dun sinalado militante do seu partido, facendo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –Agader- un “chiringuito para a colocación de amigos”.
Seco considera “insólito” que a praza de subdirector do Agader fora asignada premiando criterios “insólitos” como posuír titulacións diferentes ás esixidas na convocatoria, a asistencia a cursos que non tiñan que estar homologados nin vencellados ao sector, ou aportar experiencia no ámbito da docencia. Nada que ver, sinala, coa experiencia na xestión de subvencións, gasto público ou tramitación administrativa, e moito menos ter coñecemento acreditado no desenvolvemento rural.
Sinala que desta volta a convocatoria da praza de subdirector xeral do ente para as relacións cos grupos de desenvolvemento rural tense afastado dos criterios de convocatorias anteriores, onde se esixía un amplo bagaxe formativo e profesional. Nesta ocasión, engade, chegaron a eximir da acreditación do coñecemento da lingua galega, e incluso pediron un informe á dirección xeral de función pública para que puidese ser cuberta por alguén que non fora empregado público.
O parlamentario socialista apunta que o único mérito coñecido por este político para optar ao posto ten sido precisamente quedar fora do Parlamento por non resultar elixido deputado nas listas electorais de Ourense.