O voceiro de Industria do Grupo Socialista lamenta que o goberno de España se atope “só” á hora de buscar solucións aos problemas industriais de Galicia cando a Xunta “ten competencias plenas en materia industrial”
Martín Seco vén de instar á Xunta de Galicia a comprometerse co proxecto de biocombustibles para As Pontes, xa que “hai que buscar alternativas ao carbón que manteñan o emprego e a actividade no concello”. Fíxoo, hoxe no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao Vicepresidente da Xunta.
“É necesario que as administracións estatal e autonómica traballen xuntas nun compromiso claro coa continuidade da actividade e o emprego en As Pontes, implicándose no proxecto de biocombustibles”, aseverou o socialista, quen lamentou que “esta aposta non coincide coa opinión do conselleiro de Medio Rural, quen afirmou en varias ocasións que o seu goberno non ía apoiar ningún proxecto onde se queimasen biocombustibles”.
O responsable socialista sinalou que o proxecto de co-combustión “está avalado técnica e medioambientalmente polo Comité Técnico da Mesa de As Pontes”, polo que “debera ser un dos proxectos tractores que poña enriba da mesa a Xunta de Galicia como prioritario para optar aos fondos de recuperación europeos”.
Nesta liña, Seco lamentou que o goberno de España se atope “só” na busca de solucións aos problemas industriais de Galicia, cando é a Xunta quen “ten competencias plenas” en materia industrial. Así, lembrou que o goberno do Estado “puxo enriba da mesa” varias liñas de axudas para proxectos empresariais en zonas transición xusta ou para o fomento da actividade económica nos municipios afectados polo peche das centrais termoeléctricas de carbón.
Ademais, sinalou que o Ministerio de Industria priorizou estas zonas na convocatoria de axudas a proxectos de enerxías renovables e presentou un paquete de medidas especifícaas para as zonas de transición xusta dentro do plan de recuperación, transformación e resiliencia, “por valor de 300 millóns de euros”.