O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle hoxe ao goberno galego que “deixe de mirar para outro lado” e faga valer a sentenza do TSXG do 20 de novembro de 2020 para garantir o mantemento dos postos de traballo e a actividade das ferroaleacións nas fábricas da antiga Ferroatlántica, hoxe Xallas Electricidade e Aleacións SL –Xeal-, en Cee e Dumbría.
Seco presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento na que lle advertiu que “resulta incomprensible que o goberno galego non faga cumprir unha sentenza tan clara e que estableza uns criterios mínimos de emprego” nas dúas factorías. Considera neste sentido “ofensivo para a cidadanía da Costa da Morte” a renuncia do goberno galego a utilizar o fallo xudicial ante o intento da empresa de segregar as actividades.
Amosou a súa sorpresa polo rexeitamento tanto do PP como do BNG a unha iniciativa que os socialistas presentaron no último Pleno do Parlamento na que lle reclamaba á Xunta a “articular os instrumentos que establece a sentenza” para garantir o futuro industrial e uns niveis de emprego aceptables.
Reclámalle á Xunta que lle dean “corpo” á iniciativa dos alcaldes afectados “cando lle piden que clarifiquen en que supostos Xeal estaría ou non cumprindo co mantemento da actividade industrial”. O responsable socialista instou ao goberno galego a facer públicas as condicións de venta da antiga Ferroglobe ao grupo TPG, que supuxo a creación da actual Xeal, polo que Ferroglobe converteuse no único receptor da produción das factorías da Costa da Morte.
Considera “esencial coñecer se a nova empresa é libre para poder ter un proxecto industrial” ou se depende da empresa matriz porque, lembra, a venta “debía ser autorizada previa e expresamente por Augas de Galicia”. Isto conlevaba a presentación dun plan de viabilidade que garanta a actividade da ferroaleacións, especificando a continuidade da actividade dos fornos e o mantemento do emprego.
Martín Seco alerta de que as plantas reduciron a produción a un 10 por cento ao longo de 2020, cando chegaron a funcionar 2 dos 5 fornos de que dispoñen –hoxe están en marcha 3-, perdendo dende 2019 máis de 100 postos de traballo entre eventuais e industria auxiliar.
Advirte que “sen un calendario de arranque dos fornos e uns investimentos reais nas fábricas que garantan a produción da a sensación de que Xeal está centrando o futuro na explotación dos recursos enerxéticos, agravando o deterioro paulatino das fábricas e amortizando man de obra”.