O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe ao conselleiro do Medio Rural “maior compromiso e non tantas verbas baleiras e papeis mollados”. Chamou así ao consenso a lo menos na memoria económica, os medios materiais e de persoal e o cronograma da Lei de Recuperación da Terra Agraria, á que os socialistas presentaron 221 emendas.
Seco compareceu coa portavoz de Gandería, Carmen Rodriguez, para emprazar ao conselleiro a demostrar que realmente “quere contar co partido socialista e ter unha Lei que brote do consenso”, para o que puxeron acordar eses tres documentos “esenciais” para levar o texto a bo porto. Do contrario, dixo, “a Lei quedará como un compendio de medidas aprobadas sen ningún compromiso de execución, como xa vimos coa anterior Lei de 2011 e a Metaga de 2015”.
Seco reclamou así “transparencia e control no seguimento dos instrumentos da Lei”, con memorias anuais e información periódica no Parlamento, xa que “actualmente na web da Consellería non hai información sobre os resultados do Banco de Terras nin da aplicación da Metaga”. Apuntou que a Lei que se está a elaborar “contén un conxunto amplo de medidas e procedementos” que supoñen “como unha caixa de ferramentas, pero que por si soas non traballan”.
O responsable socialista advertiu de que a norma foi presentada “no peor dos escenarios posibles: sen diagnose previa, sen participación social e sen garantías xurídicas”. Sinalou así que nace viciada ao ser presentada pola Consellería pero rexistrada polo Grupo Parlamentario para eludir as garantías dos mecanismos de control da Xunta e provocando unha perigosa “inseguridade xurídica”.
Ademais, foi presentada “sen base científica nin debate social cos sectores implicados”, eludindo a participación pública no proceso Lexislativo, que “non pasou polo Consello Agrario nin o CES. Tampouco contaron coas aportacións da Federación Galega de Municipios e Provincias como representante das entidades locais “desprezadas unha vez máis pola Xunta, coma se non tiveran responsabilidade no mantemento das superficies agrarias e a planificación do territorio”.
Responsabilidade directa
Martín Seco responsabilizou aos gobernos do PP na situación actual da terra agraria galega, cando Galicia perdeu nos últimos 30 anos máis de 150.000 hectáreas produtivas, un 20 por cento de superficie agraria útil e xa ten preto de 900.000 hectáreas de matogueira. A terra agraria ocupa en Galicia pouco máis de 20 por cento da superficie, a metade do 40 por cento da media de España e moito menos que o 58 por cento de Francia.
Sinalou á responsabilidade do PP nesta situación provocada polos retrasos na normativa de Ordenación Territorial, desprotexendo a terra agraria, así como pola ausencia de vontade política na mellora da estrutura das terras agrarias. Foi o PP, dixo, quen bloqueou o desenvolvemento das Leis de Montes Veciñais e de Man Común e de Banco de Terras só porque foran impulsadas polos gobernos dos socialistas Laxe e Pérez Touriño.
O mesmo PP, dixo, que rexeitou sistematicamente as proposicións de Lei sobre o Banco de Terras e de Ordenación e Concentración das Terras Agrarias baixo a presidencia de Fraga, e os que retrasaron os traballos de concentración parcelaria. Actualmente só puideron concentrar unha terceira parte da superficie prevista, ata sumar apenas 450.000 hectáreas.