Insta á Xunta a “que asuma as súas competencias e dialogue cos sectores afectados”
O voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, denunciou hoxe o “abandono” da Xunta aos gandeiros e gandeiras despois de retirarlles “inxustificadamente” as axudas polos danos ocasionados polo lobo.
Ao fío disto, o responsable socialista pediu “seriedade e responsabilidade” á Xunta a quen lle esixe “construír novos consensos” entre a protección do lobo e as garantías da gandería extensiva, “pero dende a asunción das súas competencias e responsabilidades, non dende o escapismo e a manipulación que está a poñer en práctica” nesta cuestión.
Neste senso, Seco avanzou que o PSdeG apoia a presentación dun recurso contra a orde de protección desta especie, en liña coa postura do Partido Socialista no resto das comunidades da cornixa cantábrica, por tratarse dunha “medida innecesaria nunhas comunidades onde a preservación da especie non está en risco”. Así, o voceiro socialista denunciou unha “actuación irresponsable e ilegal” do goberno galego “co seu anuncio de deixar abandonados aos gandeiros”.
“En vez de lavar as mans, o goberno galego ten que asumir as súas competencias, xestionar a especie, facilitar as reclamacións e actualizar as contías das axudas actuais, que están obsoletas, xa que non incluían o lucro cesante, tendo en conta que houbo anos que nin sequera existían e ademais se esgotaban sen cubrir a todos os afectados”, sinalou.
Por todo isto, subliñou, “os socialistas galegos entendemos que debe existir diálogo e a procura de acordos para que todas as administracións se involucren na xestión de dita especie, que todas aporten na mellora das liñas de axudas que impiden os ataques do lobo e nas compensacións polos danos producidos por dita especie, aínda que a competencia estritamente correspóndelle á Xunta” e cando “legalmente debe manter as ordes de axudas e xestión porque non quedan invalidadas coa nova situación”.
“Non hai risco de desaparición do lobo en Galicia, pero tampouco se cazaban lobos en batidas oficiais dende hai moitos anos”, sinalou o voceiro socialista logo de lembrar que a Xunta “non actualiza o plan de xestión e o mapa de presencia do lobo xa que data do ano 2009, cando gobernaba Emilio Pérez Touriño”.
Nesta liña, Seco lamentou que a Xunta “renuncie a xestionar” a fauna silvestre, tanto no caso do lobo como do xabaril. “Non o fixo en 12 anos e agora é un profundo fracaso o que estamos a vivir tanto coa praga do xabaril como cos problemas do lobo na Mariña lucense”, lamentou.
“A Xunta atópase paralizada e non ofrece solucións aos problemas do rural” ao tempo que, lembrou, o PP “incumpriu” acordos unánimes do Parlamento de Galicia “que xa aprobara hai un ano unha iniciativa para desenvolver un novo plan de xestión do xabaril e para paliar as perdas que esta especie provoca no campo galego”.
Ao estenderse a protección do lobo a todo o territorio nacional é importante indicar, sinalou, que se “incorpora nestes novos ámbitos territoriais a obriga de indemnizar os danos por parte da administración por responsabilidade patrimonial”, o cal “constitúe tamén unha oportunidade para dar resposta á demanda dun resarcimento xusto dos danos que ata hoxe non se producía en Galicia”.
De feito, destacou, “anteriormente, isto non era obrigatorio no ámbito no que o lobo non estaba en réxime de protección especial, ao non ser as administracións as responsables dos danos ocasionados pola fauna silvestre, excepto en casos establecidos na normativa sectorial específica”.
Así, incidiu, “a partir de agora a responsabilidade patrimonial da administración débese aplicar tamén aos territorios situados ao norte do Douro, unha situación que entendemos que é a verdadeira razón da Xunta para renunciar as axudas, xa que ata o de agora valoraba moi baixos os danos producidos polo lobo, sen engadir o lucro cesante e que non orzamentaba unha cantidade suficiente e con periodicidade anual que garantise que cobraran todos os que sufrían ditos danos”.
Por último, Seco sinalou que, nos últimos anos, “non se cazou ningún lobo en batida autorizada polo goberno galego”, polo que a Xunta “está a manipular nun tema no que o verdadeiro problema son as axudas escasísimas por parte do ente autonómico, que agora terá que afrontar como administración competente, así como a falla de xestión da especie”.