Lembra que o peche vai afectar a 22 operarios dunha empresa que recibiu diversas subvencións públicas dende o ano 2005 e que está instalada nuns terreos que “poden ter unha gran rendibilidade inmobiliaria”
O deputado socialista Martín Seco cuestionou hoxe á Xunta sobre as medidas que pensa adoptar ante o peche da factoría de Biona en San Pedro de Nós, no concello coruñés de Oleiros. Fíxoo na Comisión de Industria do Parlamento, onde explicou que a clausura está anunciada para o vindeiro 31 de marzo e que afectará a un total de 22 empregados.
Neste contexto, o deputado socialista preguntoulle ao goberno galego se ten previsto levar a cabo algún tipo de medida de cara a evitar o peche desta factoría. Porén, Martín Seco lamentou que a Xunta non fose quen de aclarar se fixo algún tipo de xestión para evitar esta situación e nin sequera concretou se mantivera algún tipo de encontro cos traballadores e traballadoras para coñecer a súa situación e as súas demandas. Martín Seco cualificou esta actitude de “vergoñenta e incomprensible”, moito máis, subliñou, tendo en contas as múltiples subvencións que recibiu a empresa por parte de diferentes organismos da Xunta nos últimos anos.
En concreto, explicou que dende o ano 2005 e ata a actualidade a compañía recibiu 1,2 millóns de euros en concepto de diversas axudas públicas do goberno galego para a adquisición de maquinaria, a construción dunha das fábricas, a modernización, a eficiencia enerxética e para melloras e automatización das instalacións.
Ao mesmo tempo, Martín Seco salientou que os terreos onde se sitúa a fábrica de Oleiros “poden ter unha gran rendibilidade inmobiliaria ao estaren situados nunha zona de alto valor residencial como é San Pedro de Nós”.
Malia todo, e aínda presentando beneficios nos últimos anos, a actual propietaria da compañía non só anuncia o peche desta fábrica, senón que tamén clausurou outra das que tiña en Talavera de la Reina, alegando “razóns organizativas e técnicas e concentrando a súa produción en Mérida”.
A maiores, na súa intervención, Martín Seco explicou que este peche prodúcese despois de 57 anos de actividade, nos que a fábrica de San Pedro de Nós se converteu en “todo un referente en alimentación animal para varias xeracións de agricultores e gandeiros” e amosou “o seu compromiso co sector”. De feito, supuxo un cambio radical na produción animal e, por tanto, na oferta de produtos tan básicos para a poboación como o leite, a carne e os ovos”.
Por outra banda, a súa experiencia permitiu potenciar a investigación profesional en granxas experimentais, o desenvolvemento de programa adaptados ás necesidades nutricionais de cada especie ou o asesoramento técnico.
“Biona”, subliñou Martín Seco, “ foi esencial na modernización e desenvolvemento agropecuario de Galicia e a súa historia non se pode desligar da propia evolución que experimentou o mundo rural nestes anos”. Porén, malia que os actual propietaria, a holandesa De Heus, anunciaba un investimento dun millón de euros nos centros que ten en Galicia (Poriño, sada, Lugo e San Pedro de Nós), agora decide pechar a histórica factoría de Oleiros.