A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, emprazou ao goberno galego a incrementar o persoal destinado aos equipos de valoración da dependencia, así como aos técnicos encargados de resolver os Plans Individuais de Atención –PIA-, como principal medida para reducir as listas de espera da Dependencia. Ortega presentou unha interpelación neste sentido no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe.
A responsable socialista alertou de que o goberno galego anunciou recentemente un plan concibido para darlle saída aos fondos estatais e complementar o Plan de Choque do goberno de España, pero que foi presentado sen contemplar un aumento do persoal destinado a axilizar as listas de espera. Advertiu de que “por moito que traslademos técnicos ás comarcas, seguen a ter só dúas mans para facer o traballo co mesmo número de expedientes a resolver”.
Reclamou “unha rectificación” por parte da Consellería de Política Social logo de apuntar que “intentan apropiarse do descenso das listas de espera como mérito propio mediante un plan que non serve sen máis persoal”. Explicou que a redución as esperas deriva das valoracións e revisións da Dependencia por vía telefónica, o abandono de moitas persoas maiores en lista de agarda por medo á covid, ou mesmo polos falecementos derivados da pandemia.
Ortega esixiulle ao presidente da Xunta que “prenda a bombilla da empatía para contectar á xente máis vulnerable cos seus dereitos” logo de anos de recortes e desmantelamento da Lei da Dependencia que comezou co Real Decreto de 2012 dende o goberno de España baixo a presidencia de Rajoy.
A consecuencia da xestión da Xunta, dixo, foi que Galicia se situara como unha das comunidades autónomas que menos invisten por persoa potencialmente dependente, cun dos números de persoas beneficiarias sobre o total de poboación dependente máis baixos de España, e a última do Estado en solicitudes sobre o total de poboación dependente.
Este foi o resultado, dixo, de anos de recortes dende o goberno do Estado secundados con entusiasmo polo goberno galego, que supuxeron ademais o recorte das pagas e libranzas ou a supresión das cotizacións de familiares coidadores. Sinalou que esta situación rematou grazas á chegada do PSOE ao goberno de España, retomando a cotización das coidadoras e “non deixalas á marxe do sistema e sen dereitos como fixo o PP durante 7 anos de goberno en España”.
Marina Ortega esixiulle ao goberno galego que empregue os fondos procedentes do Estado para tratar á Dependencia “como algo prioritario hoxe máis que nunca”. Apuntou que estes fondos, que ou ben xa están en mans do goberno galego ou a súa chegada é inminente, inclúen 735 millóns de euros do Fondo Covid, 235 millóns de axudas a autónomos e empresas, 17 millóns de axuda extraordinaria covid ou máis de 17 millóns do fondo social extraordinario covid.
Continuou enumerando as aportacións cos case 2 millóns de bolsas comedor, 7,8 millóns para programas de atención ás familias e pobreza infantil, 45 millóns específicos para Dependencia, 10,7 millóns para conciliación, máis de 61 millóns na formación profesional para o emprego, 167 millóns para fomento do emprego xuvenil ou 169 para políticas activas de emprego, entre outros.