A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, presentou no Pleno do Parlamento de hoxe unha moción para reivindicar “unha rede completa e de calidade de atención temperá” para os nenos e nenas de 0 a 6 anos. A responsable socialista lamentou o voto en contra do PP a esta iniciativa para garantir un servizo “fundamental para a saúde de parte da poboación galega infantil”.
Marina Ortega advertiu de que este servizo “é a mellor inversión que pode facer a sociedade, xa que significa multiplicar as oportunidades dos menores susceptibles de ser usuarios destes servizos”. Alertou da urxencia de “habilitar o servizo con estabilidade no tempo e non de xeito anual como ata agora, xa que as consecuencias da interrupción invalida os beneficios da atención temperá”.
A responsable socialista sinalou os casos da Mancomunidade Conso Frieiras, onde os menores quedan sen servizo 7 meses ao ano, ou Sarria, onde o proceso de contratación do servizo “suspendeuse cautelarmente, deixando sen atención ás familias dos menores que o precisan”. Estes casos, dixo, “obrigan a facer unha reflexión sobre a necesidade de reconceptualizar a planificación e dimensión do servizo, así como as condicións ao longo do tempo”.
Reclamoulle ao goberno galego que “non escatimemos, porque é o máis xusto e o máis coherente”, e chamou a “optimizar recursos para exprimilos ao máximo e chegar a tódolos menores que o precisen”. Ortega lembrou que o Grupo Socialista ten presentado no último debate de Orzamentos unha emenda para destinarlle 4 millóns de euros adicionais á Rede Galega de Atención Temperá, que foi rexeitada polo PP.
Reclamou unha “estratexia de planificación en función da poboación diana”, e reivindicou “estabilidade presupostaria e funcional a longo prazo, para blindar o propio servizo e mantemento do persoal e do aproveitamento da especialización do mesmo”. Ademais, engadiu, “do mesmo xeito que non entenderiamos mudar a un cirurxián cada ano, a atención temperá precisa dun plan de formación e dimensionamento que garanta unha estabilidade do servizo no tempo”.
Na proposta de hoxe reclamaba garantir a universalidade do dereito á atención temperá, a equidade e a igualdade de oportunidades” en colaboración coa Fegamp para estender os servizos comunitarios de Atención Temperá ata cubrir o 11 por cento da poboación de 0 a 6, que é a que precisa do recurso. Propuxo tamén revisar o modelo actual de financiamento que sustenta a Rede de servizos comunitarios de Atención Temperá, cun novo sistema estable e plurianual.
Ademais, apostou por optimizar a rendibilidade do investimento e a cobertura asistencial de toda a poboación infantil que o precisa asegurando a dotación de servizos e “eliminando os custes directos e indirectos das familias, asegurando a proximidade dos recursos aos lugares de residencia” e “fuxindo de das asimetrías de recursos”.
Finalmente, reclamou orientar os recursos para darlle continuidade ao traballo cos menores a partir dos 6 anos, para o que é preciso “reformular, coordinar e impulsar os recursos existentes para unha infancia e adolescencia totalmente distintas ás de fai 20 ou 30 anos”. Para este traballo postemperá, dixo, resulta fundamental “impulsar a coordinación coas consellerías de Educación e de Sanidade para facilitar a optimización de recursos e os tránsitos que garantan a continuidade.