A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Consellería de Sanidade que “deixe de discriminar á cidadanía de Valdeorras” e lle devolva ao Hospital os servizos que perdeu dende a reestruturación das áreas sanitarias. Aquela decisión supuxo que o Hospital perdera “a súa autonomía, capacidade de organización, de xestión e recursos”.
Dende a conformación das Eoxi, o Hospital perdeu ou viu limitados significativamente servizos coma cardioloxía, dermatoloxía, traumatoloxía, cirurxía, rehabilitación e, a última delas, a de radioloxía, obrigando aos pacientes a desprazarse ata dúas horas ao hospital de Ourense para ser atendidos ou ben ata consultas médicas privadas en Ponferrada. Explicou que o modus operandi de Sanidade pasa pola falla de incentivos aos profesionais, co que os servizos quedan sen cubrir.
Lamenta que “pouco a pouco o Hospital Comarcal de O Barco perde capacidade resolutiva e recursos para ofrecer á propia cidadanía o dereito a unha sanidade pública e próxima que garanta a igualdade de oportunidades con independencia de onde vivamos”. A administración competente, sinala, “ten que evitar a perda progresiva de recursos técnicos asistenciais nun hospital que xa perdeu capacidade e facultativos en numerosos servizos pola xestión errónea da Xunta”.
É o caso, dixo, de cardioloxía, uroloxía, traumatoloxía, dermatoloxía, cirurxía ou urxencias, provocando a vulnerabilidade dunha poboación que se atopa moi afastada do Hospital de Ourense, polo que “é preciso valorar a situación xeográfica para darlle cobertura de calidade á cidadanía na sanidade pública”.
Ambulancia
A responsable socialista reclamoulle ademais ao goberno galego “unha acción inmediata” para devolverlle a operatividade á ambulancia UCI de Valdeorras, parada “pola falla de diálogo e de xestión por parte da administración”. Lembra a “boa disposición” amosada polos facultativos para poñer en funcionamento do dispositivo”.
Sinala que “mentres non se negocian as condicións, a Xunta prefire investir máis recursos no desprazamento dende Ourense, cunha evidente demora no tempo de reacción pola longa distancia”. Sinala que esta situación “supón un risco evidente para unha comarca totalmente afastada do Hospital de Ourense”, xa que ao dependencia da UCI de Ourense provoca “un tempo inasumible para persoas en situación crítica”.