A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamou hoxe “un novo modelo de coidados” ás persoas maiores “á altura do século XXI e acorde ás posibilidades e á poboación que temos en Galicia”. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Consellería de Política Social que presente no Parlamento un novo modelo residencial que segue sen facer público, e que foi rexeitada polo PP.
A parlamentaria socialista subliñou que “mentres as familias e as persoas maiores teñan forzas para loitar darémoslle voz as veces que sexa necesario”, e respaldou a súa demanda de constituír unha Comisión de Investigación que o goberno galego continúa a negar. Os socialistas que o PP rexeitara hoxe presentar “un estudo pormenorizado do acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia” co obxectivo de “aprender dos erros para corrixilos”.
Lamentou que a “incomodidade” amosada polo goberno galego o levara a vetar a constitución da dita constitución ou mesmo estudar a situación das residencias intentando “desvirtuar e xogando a minimizar” o asunto. Afeoulle á conselleira que cualificara a crise das residencias de “polémicas artificiais” cando “o único artificial son as solucións que pretenden venderlle á cidadanía metendo robots para o coidado das persoas maiores nas residencias”.
Ortega reivindicou “máis medios humanos que propicien uns coidados de calidade e con persoal en condicións laborais óptimas que permitan facer o seu traballo, con condicións que dean acomodo á valía das grandes profesionais que temos en Galicia”. De nada vale, puntualizou, “que a conselleira ou o propio Feijóo suban á tribuna e digan que profesionais tan marabillosas temos, e logo nin as reciban nin escoiten as súas reivindicacións”.
Lembrou que Galicia é “a segunda Comunidade Autónoma con menos inspectores para supervisar o funcionamento de todas as residencias, tal e como alertaran primeiro o Consello de Contas, no seu informe de 2018, e máis tarde a Fiscalía. Advertiu de que o goberno galego “é o que menos inviste por habitante potencialmente dependente” en todo o país como consecuencia dunha xestión “sen escoitar, sen empatía e sen facer partícipes aos protagonistas”.
Novo modelo
Reclamou así un novo modelo de xestión das residencias “nos centros dos pobos, acollendo aos seus veciños, nun entorno o máis parecido a un fogar, con habitacións individuais e nun contexto máis humano”. Sinalou que “as competencias están aquí, e non debemos agardar a que nos marquen o traballo de fora”, senón “xestionar dende aquí, acorde ás nosas particularidades”.
Criticou que a Xunta goberne “sen escoitar” e agochando os datos porque “non queren que se traslade información sobre o que pasa nas residencias”. Os socialistas reclamaron hoxe información sobre o nivel de ocupación das residencias integradas, facer público o número de contaxios por covid e os falecementos nas residencias de maiores, así como o número desagregado en cada centro de atención residencial galego.