A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que evacúe a tódolos positivos covid das residencias de maiores no momento de ser detectados para trasladalos a centros intermedios. Ortega presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade para reclamar esta medida avalada polos estudos existentes e largamente demandada dende a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.
A responsable socialista urxiu ao goberno galego a elaborar un protocolo de evacuación dos positivos detectados nos centros residenciais, que os Grupo Socialista vén de reclamar dende o comezo da pandemia. Sinalou que esta medida resulta fundamental para atallar os gromos de raíz, ademais de que mellora a saúde física e mental dos residentes non infectados e reduce a mortalidade dos que son trasladados.
Ortega sinalou as peticións neste sentido feitas públicas polo presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que leva alertando do perigo de manter aos positivos dentro das residencias dende a chegada da pandemia a Galicia. Ten alertado de que a resposta da Xunta supón “condenar a padecer e morrer” aos maiores non infectados ao mantelos dentro das instalacións, que cualificou de “contrasentido, e mesmo de “disparate e pode que un delicto”.
A parlamentaria socialista esgrimiu o informe do CSIC en favor de derivar a pacientes covid a centros de terceiro nivel para conter os gromos e manter a saúde física e mental dos usuarios que non teñen esta enfermidade e que se ven obrigados a ficar confinados nos seus cuartos. Ademais, apuntou a estudo do Journal of Nursing norteamericano, que apunta á redución da taxa de letalidade nos positivos que son trasladados a estes centros intermedios.
Apuntou ademais que ao manter a persoas infectadas no interior das residencias está vulnerando a normativa pola que os maiores ingresados nas residencias, ao igual que os pequenos nas escolas infantís, teñen que asinar unha declaración na que indican que non padecen unha enfermidade infectocontaxiosa. Ortega considera un contrasentido que teñan que acreditar non padecer enfermidade para entrar pero non sexan evacuados unha vez a contraen.
Datos oficiais
Marina Ortega acusou ao goberno galego de ter agochado os datos da incidencia da covid nas residencias de maiores de Galicia. Explicou que o Grupo Socialista ten reclamado por tódolos medios regulamentariamente posibles os datos de enfermos e falecidos desglosados por cada centro de atención residencial de Galicia, e esixiu “unha resposta, ou de non ser posible cando menos que nos dean unha explicación de por que non se poden coñecer estes datos”.