A parlamentaria socialista Marina Ortega presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade do Parlamento para reclamarlle á Consellería de Sanidade que renove o mobiliario das áreas hospitalarias de Pediatría para facilitar o descanso nocturno dos acompañantes. Ortega sinalou que unha noite no hospital “nunca é agradable, pero pode ser máis cómoda”.
A responsable socialista reclamou a renovación do mobiliario “por outro máis actualizado e máis cómodo pensado para que poida cumprir a función para a que está concibido”, xa que a día de hoxe “na maioría dos casos é imposible conciliar o sono nas cadeiras de brazos reclinables” presentes nos centros hospitalarios galegos.
Ortega reclamou atención ao benestar dos acompañantes dos pequenos e das persoas dependentes, que necesariamente teñen que estar acompañados polas noites no caso de verse obrigados a pasar polos hospitais. Apuntou que os nais e pais, e os acompañantes en definitiva, “teñen que estar ao cen por cen para os fillos a nivel físico e mental”, o que pode ser “moito peor se levas semanas ao seu carón sen pegar ollo”.
Apuntou que un hospital “non é un sitio axeitado para conciliar o sono como nas casas, pero podemos contribuír a mellorar” o descanso no posible para atravesar un “proceso vital estresante e complexo”. Sinalou que “non son queixas puntuais, trátase dun tema recorrente entre a cidadanía que ten que pernoctar para acompañar a u familiar”.