A deputada socialista advirte que “non pode ser que a autoestima dos nenos e nenas se mida hoxe en número de likes e de seguidores” e lembra que “non hai maior aforro que investir en prevención para a infancia”.
A voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, urxiu hoxe ao goberno galego a “investir en serio en saúde mental e blindar ás persoas menores” ante os riscos derivados do uso problemático de Internet e as redes sociais. “Non pode ser”, exemplificou Otero, “que a autoestima dos nosos nenos e nenas se mida hoxe e número de likes e de seguidores”.
Nesta liña, Ortega reclamou que se incrementen os recursos na prevención dos riscos que conleva o mal uso das novas tecnoloxías dende a primeira infancia e na adolescencia. Ao mesmo tempo demandou a elaboración dun plan preventivo “potente, transversal e dotado de recursos” no que se coordinen medidas entre todas consellerías e a sanidade pública e que inclúa o ámbito da saúde mental e a política social.
Así o reclamou hoxe nunha interpelación ao goberno galego no Pleno do Parlamento de Galicia, onde explicou que estamos ante “un tema sensible, que quizais non sexa recorrente neste foro, pero que é urxente introducir na axenda política e no propio debate parlamentario para enriquecer propostas e solucións”. Deste xeito, incidiu en que “os propios adultos somos conscientes do poder adictivo que está a ter o impacto tecnolóxico”, sobre todo cando “estamos a falar dunha xeración de nativos en redes que aínda está en proceso de formación”, polo que ese impacto é aínda moito maior.
Neste contexto, Marina Ortega lembrou que “algo está pasando cunha parte poboación moza” cando “cada día existen máis noticias que alertan de que algo non vai ben” e cando algúns problemas se agudizaron coa pandemia. “Un deles, e moi preocupante, é a saúde mental da poboación infanto-xuvenil”, advertiu antes de lembrar a influencia que ten nesta problemática o uso das novas tecnoloxías.
Nesta liña, tras o debate de onte no Parlamento sobre saúde mental a proposta socialista, cualificou de “desolador” que o PP siga “sen entrar en razón e sen ser consciente da falta de efectividade dos tratamentos cando as listas de agarda se eternizan”. Por iso, reclamoulle á Xunta que “invista xa en serio en saúde mental e blinden aos menores”, xa que “non hai maior aforro que investir en prevención para a infancia”.
O PREOCUPANTE IMPACTO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS NOS MENORES
Mostra do “preocupante” impacto das novas tecnoloxías, segundo apuntan diversos estudos sobre a cuestión, Marina Ortega citou a “elevada incidencia de riscos” para os menores, como son as cifras de sexting e grooming, así como o risco de adicción sen sustancia dos xogos en rede ou o uso problemático das redes sociais. Tamén remarcou que a supervisión parental é baixa, que a adquisición do primeiro dispositivo móbil está de media nos 10 anos, e que case o 60% ten máis dun perfil nunha mesma rede social para sortear ese control parental.
A maiores, apuntou que un 22,6% ten discusións na casa polo uso da tecnoloxía, cando menos unha vez á semana. Ademais, explicou que 2 de cada 10 adolescentes podería estas a ser vítima de ciberacoso e que 1 de cada 4 poderían ter xa un uso problemático da Internet. “Estou segura de que moitas das persoas que nos poidan estar escoitando sentiranse identificadas con este tipo de situacións”, indicou.
Por iso, partindo de que as novas tecnoloxías tamén reportan moitos beneficios e un gran avance para a sociedade, tamén advertiu que “a evidencia estanos a advertir que existe a outra cara da moeda e que son as consecuencias negativas do uso problemático da tecnoloxía: sedentarismo, adicción, cambios condutuais, impacto no estado de ánimo e nas enfermidades mentais ou o índice de ideación suicida”. Por todo isto, alertou, “o maior perigo é normalizalo e non actuar a tempo ata o punto de que teñamos consecuencias irreversibles”.
A XUNTA DEBE TOMAR COMO REFERENCIA AOS GRANDES EXPERTOS NA MATERIA
Consciente de que a problemática ten un impacto global, Marina Ortega subliñou que, en todo caso, “dende Galicia temos moito que facer para limitar en gran medida o uso problemático tecnolóxico sobre os menores”. Tras poñer de relevo “o talento que temos na nosa terra nesta materia”, a deputada socialista incidiu en que “o goberno ten o deber de recoller o guante e tomar como referencia aos grandes expertos na materia para que nos instrúan na dilixencia precisa para acertar no camiño que temos que seguir para protexer aos menores das consecuencias negativas das novas tecnoloxías e a as redes sociais”.
Así, ante a crecente preocupación de pais e nais, “que perciben como esas practicas derivan logo en problemáticas de control cos menores dende a primeira infancia”, Marina Ortega avogou por “apostar pola didáctica que inste e dote de ferramentas aos proxenitores a controlar e minimizar ao máximo os riscos”.
“É evidente”, apuntou, “que ningún pai, nai ou titor quere danar aos seus fillos, polo tanto é fundamental que dende as administracións se poñan en marcha mecanismos de información que dean conta deste e outros estudios”. Tamén instou á propia Xunta de Galicia a que faga outros en colaboración coas Universidades, axentes sociais implicados así como colexios profesionais do ámbito.