Pide ao Executivo galego a creación dun centro de día no Concello de Vilamarín que “garanta” os coidados á poboación envellecida nunha contorna rural, pero a Consellería elude comprometerse con esta cuestión
A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, denunciou hoxe que a Xunta “trampea” as listas de espera para reducir o número de solicitantes de axudas á dependencia cando “case 10.000 persoas con dependencia non aparecen nas listas do sistema en Galicia”. Fíxoo, na Comisión de Política Social do Parlamento, onde acudiu para solicitar, a través dunha pregunta oral ao goberno galego, a creación dun centro de día no Concello de Vilamarín.
“Somos a primeira comunidade de toda España con persoas solicitantes dependencia que non aparecen no sistema en ningunha estatística”, evidenciou a socialista, en base ao XXII Ditame do Observatorio da Dependencia que saíu á luz nos últimos días que sinala que en toda España “hai un total de 34.189 solicitudes de dependencia que aínda non foron gravadas, polo que non figuran en ningún tipo de estatística”, sendo Galicia “a comunidade que máis solicitudes ten sen gravar con 9.298, un 27.18%”.
Isto cando as galegas e galegos, alertou a socialista, agardan máis de 400 días de espera por unha resolución, malia que “a lei de dependencia establece que son seis meses como máximo para a resolución de grao de dependencia e do Programa Individual de Atención (PÍA)”.
“Estamos a vivir listas de agarda de máis do dobre do que a lei permite”, subliñou a socialista, quen lamentou que, neste marco, Galicia “é unha das comunidades que menos inviste por habitante potencialmente dependente de toda España”, o que “se traduce en que a xente potencialmente dependente non solicite axudas para a dependencia”.
Estes datos, sinalou, son “moi preocupantes nun contexto de normalidade, pero moito máis aínda trala crise socioeconómica motivada pola pandemia” e máis cando debemos ter en conta que Galicia “é beneficiaria de importantes fondos estatais específicos para axilizar as listas de espera e mellorar os servizos de atención grazas ao ‘Plan de Choque da Dependencia’ desenvolvido polo goberno de España e, de feito, a día de hoxe, Galicia “é a comunidade que máis fondos estatais para atención á dependencia recibe”.
Con todo, Ortega aplaudiu o traballo realizado sobre esta cuestión polo goberno progresista liderado por Pedro Sánchez que está revertendo a “política de recortes en dependencia do goberno de Rajoy”. “O PP cando se fala de dependencia. tiña que calar e pedir perdón porque os recortes que sufriu a lei de dependencia foron aberrantes”, sentenciou.
O CENTRO DE DÍA PARA VILAMARÍN, UNHA “NECESIDADE”
Na sesión, Ortega pediu ao Executivo galego a creación dun centro de día no Concello de Vilamarín que “garanta” os coidados á poboación envellecida nunha contorna rural. Así, incidiu na necesidade de abordar unha “discriminación positiva” cara ás persoas maiores, tendo en conta que Galicia conta cunha das poboacións “máis envellecidas do país” e que ten unha dispersión “evidente” marcada por un “desequilibrio territorial” en canto a servizos.
Malia que este recurso é “clave” para a vila e unha “necesidade” para dar cobertura á veciñanza que “reclama este servizo”, a Consellería de Política Social, censurou a socialista, “botou balóns fóra sobre a cuestión e eludiu pronunciarse ao respecto”.