Máis Feminismo
Máis Democracia
Cada 8 de marzo, o Partido Socialista é parte activa desta xornada mundial de loita e reivindicación que é o Día Internacional das Mulleres, reafirmando que a igualdade entre mulleres e homes debe vertebrar toda a nosa acción política. A igualdade é unha cuestión de calidade da democracia e tamén garantía de que o benestar se produza para todas as persoas e non á conta da metade da poboación. As mulleres non somos un colectivo, somos a metade da humanidade, e por tanto, a desigualdade e opresión que sufrimos por ser mulleres golpea directamente ao corazón das nosas democracias xa que impide o desenvolvemento pleno da nosa condición de cidadanía.
O feminismo, que é axenda, movemento social e teoría política, é a resposta a esa concepción do mundo no que as mulleres somos cidadás de segunda categoría. O feminismo é a resposta a esa sociedade patriarcal que se sostivo sobre a explotación e opresión da vida e os corpos das mulleres. Este 8 de marzo, o Partido Socialista quere destacar, fronte a quen negan, vulneran e atacan os dereitos das mulleres, o profundo valor democrático que o feminismo supuxo para a liberdade das mulleres en todo o mundo.
Nacións Unidas elixiu para este 8 de marzo 2022 o lema “Igualdade de Xénero hoxe para un mañá sostible” co obxectivo de recoñecer e visibilizar a contribución das mulleres na loita contra o cambio climático. As mulleres están a liderar os esforzos de resposta, mitigación e adaptación ao cambio climático para construír un futuro máis sostible. Potenciar a igualdade entre mulleres e homes nun contexto de crise climática é un dos maiores desafíos do noso século.
Este 2022 España afronta un período de recuperación tras a pandemia da COVID-19. A pandemia mostrounos as costuras do noso Estado do Benestar, deixounos ben visible a desigualdade aínda existente nos traballos de coidado doméstico e a precariedade do empredgo das mulleres. O Goberno de España, consciente de que non existirá recuperación se non é garantindo a igualdade de mulleres e homes, fixo da igualdade de xénero un eixo transversal do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para canalizar os fondos europeos a reparar os danos provocados pola crise do COVID-19. O noso compromiso para que a recuperación sexa xusta é firme. O PSOE está a
impulsar políticas públicas dirixidas a pechar as fendas de desigualdade que aínda temos pendentes: laboral e salarial, a fenda dixital ou a desigualdade no ámbito da corresponsabilidade.
Unha reforma laboral para combater a precariedade do emprego das mulleres. A reforma laboral que impulsou o Goberno de España co acordo de patronal e sindicatos é, sen dúbida, un gran avance feminista. O emprego das mulleres caracterízase por ser a tempo parcial e temporal. No terceiro trimestre de 2021, 2.008.300 mulleres traballaroin a tempo parcial, frointe a 688.800 homes. A taxa de temporalidade das mulleres é do 25,2%, fronte ao 19,2% dos homes. Sen dúbida, a reforma laboral que fai do contrato indefinido a modalidade ordinaria de contratación, que elimina o contrato por obra e servizo e reduce de 24 a 18 meses o prazo máximo de encadeamento de contratos é unha boa noticia para as mulleres do noso país.
O feminismo, como o socialismo, é internacionalista. No Partido Socialista reclamamos a defensa dos dereitos das mulleres en calquera recuncho do mundo. Impulsamos unha axenda europea que fortaleza as políticas de igualdade de xénero, e en especial a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos e os recursos que combaten a violencia machista fronte ao auxe dos partidos de extrema dereita. Estamos a impulsar unha política exterior e de cooperación feminista incorporando a igualdade de xénero e o empoderamento de mulleres e nenas como elemento distintivo da nosa política exterior.
A loita contra a violencia machista segue sendo o noso principal obxectivo político. Para unha sociedade democrática é inaceptable que as mulleres vivan con medo, ameazadas ou sufrindo torturas. O noso compromiso é firme e sabemos que a erradicación da violencia machista ten que ser un compromiso de país. O pasado ano impulsamos a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e cumprimos coa aprobación dunha lei de protección a orfos e orfas da violencia machista. Seguiremos avanzando paso a paso ata que todas as mulleres poidan vivir libres e sen medo.
O Partido Socialista é un partido político abolicionista da prostitución. A trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e a prostitución son dúas caras dunha mesma realidade que non se poden separar: a trata existe porque hai demanda de mulleres e nenas para ser prostituídas; a explotación sexual é unha das formas máis terribles de violencia contra as mulleres. Desde o PSOE anhelamos unha sociedade onde mulleres e nenas non sexan prostituídas. O noso proxecto para España é un país onde homes e mulleres son iguais e libres e esa idea é absolutamente incompatible coa prostitución e a trata de seres humanos. O noso modelo de sociedade é un onde os corpos das mulleres e nenas non poidan ser obxectos de consumo ao servizo dos desexos doutros.
Este 8 de marzo o Partido Socialista fai un chamamento para construír un gran consenso político e social dirixido á abolición da prostitución no noso país. A abolición da prostitución é un proceso longo e complexo que debe estar marcado por iniciativas lexislativas en todos os niveis da Administración pública e políticas públicas adecuadamente financiadas á vez que require de grandes cambios na nosa sociedade, especialmente entre os homes. Neste camiño cara á abolición da prostitución o compromiso do Partido Socialista é impulsar políticas públicas en materia laboral, de xustiza e política social que ofrezan unha resposta eficaz e unha saída a estas mulleres.
Fronte ao auxe dos movementos de ultradereita que atopan altofalantes políticos nos partidos da dereita, as mulleres do noso país necesitan que consolidemos e garantamos os seus dereitos sexuais e reprodutivos. Nas próximas semanas producirase a aprobación definitiva da modificación do Código penal que impulsou o PSOE para perseguir o acoso que se produce nas clínicas de interrupción voluntaria do embarazo. Seguiremos traballando ata garantir a interrupción voluntaria do embarazo en igualdade de condicións en todas as Comunidades Autónomas e devolver o dereito para decidir sobre a súa maternidade das mulleres de 16 e 17 anos.
O desexo de maternidade e/ou paternidade nunca pode substituír ou violar os dereitos das mulleres e menores. Desde a mirada emancipadora que nos facilita o feminismo socialista estamos en contra do alugueiro de ventres ou a chamada xestación subrogada. O noso compromiso é o de perseguir ás empresas e axencias que mercantilizan cos corpos das mulleres e daquelas que actúan como intermediarias. Os corpos das mulleres non son obxectos de uso para satisfacer desexos doutras persoas.
O feminismo é un sinal de identidade do Partido Socialista desde a súa orixe. O feminismo e o socialismo son dúas correntes ideolóxicas que ten na súa orixe una mesma idea: a emancipación. O noso fundador, Pablo Iglesias Pose xa estableceu a posición da nosa organización en relación á igualdade das mulleres en 1897. Escribiu que “unha dobre supeditación sofre hoxe a muller: a supeditación económica, xeral a toda a clase asalariada, e a supeditación ao home. Esta é verdadeiramente humillante e depresiva para a súa dignidade, debido a que, na maioría dos casos, non é a muller a compañeira do home, senón a súa criada, a súa escrava, un obxecto de pracer ou un simple adorno”. Polo tanto, a idea de emancipación, a loita pola xustiza social e a igualdade vertebran tanto o socialismo e o feminismo: é imposible ser un sen ser o outro. Desde a nosa orixe ata a actualidade, a axenda do PSOE é unha axenda feminista, transformadora e de clase.
Desde hai 143 anos a nosa forma de ser feministas é facer. Para o PSOE o feminismo é discurso, pero sobre todo é acción política. Para o Partido Socialista facer feminismo é transformar as demandas da sociedade en leis ou políticas públicas. É converter as demandas feministas en feitos que cando gobernamos son palpables nos Concellos, nas Comunidades Autónomas e no Goberno de España.
Este 8 de marzo o PSOE celebra todos e cada un dos éxitos e das achegas que o feminismo fixo ao noso país. Logros que parecían imposibles e que sempre se converteron en cuestións de puro sentido común para as xeracións seguintes. Logros que fixeron de España un país máis digno e máis libre.
O Partido Socialista é consciente de todo o camiño que queda por percorrer ata a igualdade plena e efectiva das mulleres no noso país. Fronte a quen menosprezan o feminismo e quen ameaza os dereitos das mulleres, o Partido Socialista comprométese a seguir avanzando na conquista e defensa dos dereitos das mulleres.
Máis feminismo, mellor democracia
Viva o 8 de marzo!
Que viva a loita das mulleres!