O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, e a vicevoceira e responsable de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez, mantiveron hoxe unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias –Fegamp-, Alberto Varela.
Nesta primeira reunión de ambos dirixentes tralo relevo na portavocía socialista na Cámara galega, Álvarez abordou “dúas cuestións que forman parte dunha preocupación compartida” entre o Grupo Socialista e a Fegamp, como o financiamento local e competencias dos concellos galegos, que os socialistas trasladarán á Cámara autonómica a través de iniciativas parlamentarias.
En canto ao financiamento local, o portavoz socialista pediu á Xunta de Galicia unha “financiación axeitada” para os concellos galegos, un aspecto “extraordinariamente importante e que require dunha boa revisión”.
Doutra banda, urxiu a que se delimiten as “competencias propias e impropias” dos municipios galegos “porque somos conscientes de que os concellos están a asumir unha serie de competencias que non lles corresponden”, sen que o goberno galego lles facilite o financiamento extraordinario que precisan para facerlles fronte.