A futura Lei consolida o Panteón como elemento singular da identidade de Galicia, que será xestionado como Fundación pública autonómica vencellada ao Parlamento
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, puxo en valor hoxe o consenso entre os tres grupos parlamentarios para presentar a proposición de Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que foi rexistrada esta mañá coa sinatura dos 75 deputados e deputadas da Cámara autonómica e que será tramitada en lectura única e polo procedemento de urxencia.
O responsable socialista sinalou que este texto foi acordado entre os tres grupos parlamentarios a partir dunha proposta inicial do Consello da Cultura de Galicia de acordo cos padroados das fundacións dos persoeiros soterrados en San Domingos de Bonaval. Apunta que os grupos parlamentarios demostraron a capacidade de “chegar a acordos e consensos unánimes cun elemento tan importante para a historia de Galicia”.
Salientou a transcendencia deste acordo unánime “cando prima o disenso político e a confrontación” á altura do símbolo que está a ser regulado. Trátase, explicou, de dotar ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres dun “marco de funcionamento” con vocación de permanencia “que evite tódolos problemas rexistrados ata o momento”.
Esta Lei consolida o Panteón como “elemento singular da identidade de Galicia” e “depositario e custodio da memoria colectiva”, que garante a súa xestión pública a través dunha Fundación vencellada ao Parlamento de Galicia. A propia exposición de motivos subliña que o obxectivo é que o Panteón “desempeñe un papel vivo e activo como lugar de encontro, aprendizaxe e alento do sentir” dos galegos e galegas.