O portavoz do Grupo Socialista sinala que cada fogar galego ten 2.854 euros menos que no resto de España de acordo co INE
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou hoxe de que as “políticas erradas” da Xunta están a provocar a perda de cohesión social en Galicia. O responsable socialista empregou a sesión de control ao presidente da Xunta para criticar que “xestionan mal” e fían toda a iniciativa do goberno a “buscar culpables externos”.
Álvarez fixo unha radiografía da situación socioeconómica de Galicia, co PIB por debaixo da media estatal e os prezos máis altos mentres España consegue o menor crecemento do IPC da zona euro. Sinalou que o “desacerto” das políticas económicas e de emprego da Xunta provocaron que Galicia teña a taxa de actividade 5 puntos por debaixo do Estado -53,2 por cento fronte ao 58,7 por cento- e a taxa de ocupación 4,5 puntos inferior -47,2 fronte ao 51,4 por cento-.
O responsable socialista criticou que “non teñan o máis mínimo problema en xogar co futuro dos galegos e galegas” e esixiulle que tome a iniciativa para aplicar “medidas políticas eficaces e capaces de corrixir a realidade”. Subliñou que “para facelle a ola” a un goberno que mete a Galicia nos peores indicadores da periferia autonómica “non conte coa colaboración, o aplauso nin a comprensión deste partido político”.
A xestión errática do goberno galego provoca, dixo, que de acordo cos datos do INE cada fogar galego tivera en 2021 2.854 euros menos que a media do Estado, o que supón que os galegos e galegas dispuxeron cada mes de 238 euros menos que o resto de España. Preguntou “por que teñen que ter os fogares galegos cada vez menos ingresos” diante da impasibilidade do goberno galego.
Explicou que o crecemento da desigualdade de ingresos e de riqueza en Galicia e o deterioro da perda da igualdade de oportunidades amosan que “cada día” hai máis pobreza en Galicia, mentres “os pobres son máis pobres, os ricos son máis ricos e a clase media, que soporta o Estado do Benestar, diminúe”. Engadiu que “cada día en Galicia máis persoas non son capaces de chegar a fin de mes”.
Luis Álvarez sinalou á situación concreta das mulleres, que soportan un “aumento insoportable da fenda de xénero”, e polo mesmo traballo cobran un 9,3 por cento menos que os homes, o que equivale a que dende o luns pasado ata final de ano “traballan gratis”.
O portavoz socialista lamentou que malia contar cos maiores Orzamentos da Xunta, o goberno galego non amose “ningún indicio de corrixir as políticas erradas” e lonxe de reforzar os servizos públicos, hoxe “moitos galegos e galegas non teñen médico de cabeceira que os atenda en tempo, e moito menos cita de especialista”. Reclamoulle que dea conta das 7 residencias de maiores comprometidas para as sete cidades galegas e que aínda non comezaron a construír.
Criticou que anuncian axudas ao aluguer para 4.000 familias cando hai 200.000 familias con problemas para chegar a fin de mes e pagar o piso, co que “deixan sen cobertura ás outras 196.000” familias. Rematou apuntando que os alumnos do interior de Galicia quedan sen a opción de cursar os estudos que queren porque carecen de profesores dos que si dispoñen nos centros educativos das grandes cidades, “e vostede me fala de cohesión educativa”, remachou.