O voceiro e a vicevoceira parlamentaria do PSdeG mantiveron esta mañá un encontro co alcalde da localidade, Iago Toba
O voceiro parlamentario do Grupo Socialista, Luís Álvarez, xunto coa vicevoceira Begoña Rodríguez Rumbo, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo co alcalde de Muxía, Iago Toba Campaña. O encontro serviu para coñecer de primeira man e polo miúdo as demandas que o goberno municipal lle está suscitando á Xunta de Galicia dende hai tempo, sen que polo momento haxa ningún tipo de resposta nin avance. En concreto, as reivindicacións vertébranse sobre tres eixos: o sanitario, o da pesca e o das infraestruturas.
No primeiro ámbito, o alcalde puxo de manifesto as deficiencias que existen canto á atención primaria e a pediatría no concello. Nesta liña, a falta de profesionais está a mermar de maneira considerable a calidade da atención que reciben os veciños e veciñas de Muxía.
Trátase dunha situación, ao igual que acontece en numerosos puntos da comunidade autónoma, derivada dos recortes e do conformismo do goberno de Feijoo na sanidade pública e que está a ocasionar demoras “inasumibles” na atención aos pacientes, incluso para os máis pequenos pola falta de pediatras.
Por outra banda, o alcalde de Muxía, Iago Toba, tamén trasladou a preocupante situación do secadoiro de congro da localidade, o único que queda no municipio. O rexedor reiterou a súa indignación polas restricións que está a poñer a Xunta para que poida desenvolver a súa actividade con normalidade, tendo en conta ademais que se trata dun oficio que mantén unha técnica tradicional e artesanal e de elevado valor turístico. Nesta liña reclama protección e non atrancos para o sector e as familias que viven desta arte.
Finalmente, o rexedor muxián tamén incidiu nas demandas realizadas ao goberno galego para que leve a cabo actuacións de mellora no sistema de abastecemento da vila, sen que, polo de agora, houbese resposta a esta petición.
Tras expresar o seu apoio ao alcalde e ao goberno local de Muxía en estas reivindicacións, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, e a viceportavoz, Begoña Rodríguez Rumbo, anunciaron a presentación de diferentes iniciativas parlamentarias para instar á Xunta a que cumpra con Muxía e atenda estas demandas