O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe a Educación que empregue os 828 millóns de euros de fondos extraordinarios do Estado que recibirá Galicia para facer fronte á covid para manter os profesores de reforzo contratados no ano pasado. Álvarez presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación na que acusou á Xunta de agochar a cifra de profesores previstos no día antes de que comece o curso en Infantil e Primaria.
O responsable socialista lembrou que o custe da contratación destes mestres supuxo un custe de 162 millóns de euros no curso pasado, o que “cabe unhas cantas veces” nas partidas extraordinarias que está a recibir a Xunta neste sentido. Alertou polo contrario do risco de que o goberno galego queira reverter a situación do curso pasado e dispoñer dunha dotación “incluso interior á do curso 19 – 20, a pesares de dispoñer de fondos suficientes.
Álvarez afeoulle ao goberno galego que “non queira facer públicos os datos” empregando “xogos dialécticos de dilación falando de asuntos alleos, coma se o prólogo fora máis extenso que o libro que presentan”. Advertiu de que “as clases comezan mañá, xa coñecen o dato dos cadros de persoal e se negan a facilitalo”.
Lembrou as reiteradas queixas rexistradas dende diversos centros educativos polo continuo recorte de profesorado, o que “fai necesario que dispoñamos canto antes de explicacións e datos oficiais que confirmen á comunidade educativa galega”.
Vacinación
Álvarez salientou ademais que o secretario xeral da Consellería de Educación teña recoñecido hoxe en Comisión, e por primeira vez, que o proceso de vacinación “avanza a moi bo ritmo” tamén no sector educativo. Logo de meses “poñendo en tela de xuízo” o proceso, sinalou, teñen que recoñecer que a xestión dos gobernos central e autonómico permitiron que o 85,48 por cento do alumnado a partir de 12 anos teñan recibido a primeira dose, e o 96 por cento do persoal estea vacinado.
O responsable socialista salientou que “é a primeira vez que un responsable público da Xunta admite que a vacinación avanza a moi bo ritmo, a pesares do que estivo a dicir o presidente da Xunta”.