O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe á Xunta que actualice os regulamentos orgánicos para os centros de educación infantil e primaria, centros públicos integrados e institutos de educación secundaria. O responsable socialista presentou esta proposición non de Lei na Comisión de Educación, onde foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista sinalou que a normativa quedou “derrogada nalgúns casos e superada pola realidade noutros”. Aludiu aos distintos decretos aprobados pola Xunta nos anos 1996 e 1999 para aprobar os regulamentos orgánicos das escolas de infantil e primaria e os institutos de educación secundaria, así como á implantación e regulación dos centros integrados de ensino non universitario.
Logo de 25 anos, explicou, “pasaron polo medio leis que fixeron inoperantes os propios regulamentos”, que quedaron sen modificar polo goberno galego, e criticou a “falla de impulso absoluta por parte do goberno galego dende 2009 para adecuar estes instrumentos”. Propuxo así unificar nun único elemento normativo “aspectos relevantes para a organización dende o punto de vista pedagóxico e didáctico” e que responda da estrutura legal estatal e autonómica.
Explicou que estas ordes de desenvolvemento normativo, aínda vixentes, incorporan elementos que a día de hoxe “non existen”, como o documento de recollida de datos ou os programas de formación de profesorado no centro e de formación nos centros de traballo. Ademais, aspectos como o réxime de permisos e licenzas do profesorado ten xa unha regulación diferente, mentres os plans de convivencia nos centros están regulados por un decreto diferente.
Luis Álvarez acusou ao PP de argumentar a súa negativa a esta iniciativa a través dun “argumento innecesario, sesgado e inoportuno” apelando a unha suposta “interferencia política” que “non ten sentido”. A iniciativa, explicou, empraza á Xunta a contar coa “participación da comunidade educativa” para elaborar os regulamentos, pero “non fala dos partidos políticos”.