Acusa a Feijóo de “pasar de aquel Galicia, Galicia, Galicia, ao Madrid, Madrid, Madrid”, ao demostrarse “máis pendente dos problemas do seu partido que dos problemas de Galicia”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que “acordemos un novo modelo eólico para Galicia que desenvolva un plan de crecemento ordenado, respectuoso co medio ambiente e socialmente xusto do sector”. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, no que lle afeou que “estea máis pendente dos problemas do seu partido que dos problemas de Galicia”.
Álvarez reclamou un novo plan eólico “que nos sitúe nunha posición de vangarda na utilización das enerxías renovables e que posibilite que nos coloquemos tamén á vangarda na posibilidade de implementar outros aproveitamentos enerxéticos de futuro” como o hidróxeno renovable. Lembroulle que, logo de 12 anos de goberno continúan sen un modelo eólico recoñecible, provocando as queixas dos promotores, dos propietarios das terras e dos sectores implicados.
O responsable socialista cuestionou a “falla de planificación, falla de eficacia e falla de transparencia” do goberno galego en materia eólica, o que “provoca inseguridade xurídica para todos os axentes implicados que revela que o seu modelo non é garantista, non é coñecido e tampouco está planificado”. Censurou que “o caótico marco normativo actual, que foi parcheado de forma continua, confirma o fracaso do seu modelo de bandazos e improvisacións”.
Criticou que “non son eficaces, transparentes nin garantistas”, logo de lembrar que a Xunta ten “ducias” de parques pendentes de autorización”, segundo o Observatorio Eólico de Galicia, e logo da moratoria autoimposta pola Xunta na última Lei de acompañamento aos Orzamentos. Considerou “incrible” que “despois de tanta desidia durante anos, aínda se permitan prohibir por lei novos proxectos durante ano e medio”.
Luis Álvarez reclamou un acordo por un novo modelo eólico “que xere menor impacto ambiental, ecolóxico e social”, que protexa ao medio rural e a actividade económica, mellorar as condicións de vida e de traballo das persoas máis vulnerables que habitan nas contornas.
Madrid, Madrid, Madrid
O portavoz do Grupo Socialista criticou que o presidente da Xunta “estea máis pendente dos problemas do seu partido que dos problemas de Galicia” por “postularse como novo portavoz do PP” cando, dixo, “pasou de aquel Galicia, Galicia, Galicia polo Madrid, Madrid, Madrid”, e “cambiou o carballo de Conxo polo madroño”. Amosou a súa preocupación pola disposición do presidente galego a “traballar por Galicia”.
Luis Álvarez afeoulle que empregue a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta “para falar dos problemas do PP, en vez dos de Galicia”, ou que “dedique un acto de Medio Rural para falar das liortas internas do seu partido”, en alusión ao acto convocado onte para provocar unha declaración de Feijóo sobre a situación do PP.