O voceiro parlamentario do Grupo Socialista, Luís Álvarez, mantivo hoxe un encontro con alcaldes e representantes municipais das bisbarras de Ferrolterra, Eume e Ortegal para instar á Xunta a corrixir a súa “planificación errónea” ante as numerosas queixas dos usuarios
O secretario provincial electo da Coruña e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, acusa á Xunta de anunciar medidas que non se cumpren e de non asumir o problema
O voceiro parlamentario do Grupo Socialista, Luís Álvarez, alertou hoxe de que a Xunta gastou máis de 12 millóns de euros, “unha cantidade inxente de cartos”, no deseño dun Plan de Transporte Metropolitano que “non está a dar resposta ás necesidades de mobilidade da cidadanía galega” e que ten “uns problemas de deseño considerables”.
“A evidencia disto”, remarcou, “é que a cidadanía non está satisfeita cun cambio de servizo que posiblemente houbese que modificar como consecuencia de renovar as concesións, pero que se fixo cunha planificación errónea”. Nesta liña, Álvarez lamentou a “desconexión” que ten o goberno galego -e de maneira concreta a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade- con respecto ao malestar que existe na sociedade co Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.
Unha das mostras máis notorias desa “problemática” rexístrase nos concellos das bisbarras de Ferrolterra, Eume e Ortegal, unha zona moi poboada e que está a padecer o impacto deste problema “con especial intensidade”. Nunha comparecencia diante da estación de autobuses de Ferrol, acompañado por alcaldes e representantes municipais socialistas na zona, puxéronse de manifesto, de maneira conxunta, esas deficiencias e problemas que afectan dende hai algo máis dun ano á veciñanza.
Esas eivas, que xa foron trasladadas esta mesma semana polo PSdeG ao Pleno do Parlamento de Galicia, evidencian a “ineficiencia” dun modelo de transporte que está a suscitar “numerosas queixas” dende hai meses. Porén, Luís Álvarez afirmou que “o grave é que a propia Xunta nega a realidade existente e que consiste en que aquí hai centos e centos de persoas todos os días que non teñen un servizo que se adecúe nin minimamente ás súas necesidades”.
A maiores, lembrou que esta mesma situación tamén se estende ao conxunto de Galicia, onde ese plan de transporte tampouco está a solucionar as demandas de mobilidade da cidadanía. “Considero”, sinalou, “que un gasto de máis 12 millóns de euros, que foi o que se lle pagou a diferentes consultoras para deseñar este modelo, debe responder ás necesidades que ten a xente e non o está a facer”.
Polo tanto, “o que pedimos”, subliñou Luís Álvarez, “é que a Xunta revise todas as queixas que está a recibir e que saiba dunha vez por todas que existe un problema, que é o primeiro paso para poder solucionalo”. Así, instou ao goberno galego a que asuma xa “que as cousas non están funcionando como eles din que funcionan e que corrixan os pregos de maneira que dean unha resposta axeitada e eficiente ás necesidades da cidadanía”.
“Os problemas de mobilidade cada vez son maiores”, advertiu.
BERNARDO FÉRNANDEZ
Pola súa banda, o secretario provincial electo da Coruña e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández -en nome dos representantes municipais socialistas dos diferentes municipios da zona- lembrou que as bisbarras de Ferrolterra, Eume e Ortegal arrastran problemas nos transporte interurbano dende xaneiro do ano pasado.
Con todo, malia as diversas conversas mantidas coa Xunta de Galicia para demandarlle para volver á situación anterior, que “en principio a cidadanía entendía que funcionaba ben”, non foi así. “O peor”, remarcou, “é que anunciaron unha serie de medidas que non se cumpren” e, de feito, “á semana seguinte de anuncialas, suprimiron unha das liñas sen previo aviso”.
Ante este escenario, levouse a situación ao Parlamento, onde “o máis sorprendente foi a actitude da Xunta e a resposta da propia conselleira dicindo que o servizo funcionaba perfectamente e que había que recoñecerlle ese esforzo á Xunta”. Isto, dixo, contrasta coa opinión que teñen todos os usuarios, “xa que son eles mesmos os que nos trasladan esas eivas”.
Neste contexto, Bernardo Fernández lamentou que “é moi difícil dar solución a unha problemática cando quen ten que facelo non asume que existe nin o máis mínimo problema a ese respecto”.