O portavoz do Grupo Socialista critica o “silencio clamoroso” de Feijóo na polémica polas medidas contra o aborto anunciadas polo goberno de Castela e León
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, urxiu ao presidente da Xunta a dar conta, na próxima sesión de control do Parlamento, das supostas medidas de apoio económico ás galegas e galegos. Logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana, Álvarez lembrou que, logo de ter aprobado os Orzamentos para 2023, “aínda non coñecemos” as medidas da Xunta neste sentido.
A falla de propostas nas contas do Executivo para o próximo ano, así como a falla de anuncios por parte dos membros do goberno autonómico deixan aos galegos e galegas sen ningunha posibilidade nin tan sequera de “intuír por onde van ir esas medidas”. Álvarez lembrou que precisamente os membros do goberno galego suprimiran a tarxeta básica aludindo a supostas iniciativas alternativas que logo de coñecer os Orzamentos de 2023 non aparecen por ningures.
Urxiu ao presidente da Xunta a tomar a iniciativa para aprobar medidas que permitan aos galegos e galegas soportar un incremento do IPC superior á media estatal, o que “evidencia unha acción de goberno equivocada”.
Explicou que o próximo Pleno incluirá neste mesmo sentido unha interpelación para reclamarlle á Xunta que active as políticas de vivenda dirixidas á mocidade e “corrixir a traxectoria xa non errática, senón de pausa absoluta e estancamento”. Lembrou que o nivel de execución orzamentaria no orzamento de vivenda sitúase por debaixo do 4 por cento, un índice “absolutamente insoportable” especialmente para quen intenta emanciparse.
Clamoroso silencio
O portavoz do Grupo Socialista afeoulle ao líder do PP que manteña un “clamoroso silencio” fronte á polémica provocada polo goberno de Castela e León logo do anuncio de medidas coercitivas contra o aborto por parte do seu vicepresidente. Álvarez citou a letra dunha coñecida canción de rock, que fala de “callando siempre a gritos” para resumir a posición de Feijóo con relación a estas medidas.
Os socialistas galegos levarán a situación da sanidade galega ao próximo Pleno do Parlamento a través dunha pregunta oral sobre a negativa da Xunta a convocar máis de 100 prazas MIR que tiña habilitadas polo goberno do Estado para 2023. Lembrou que esta renuncia ten lugar logo de meses responsabilizando ao Executivo da falla de prazas dispoñibles, e despois de que nos últimos anos renunciaran a convocar máis de 180 prazas de médicos de atención primaria.
A situación da sanidade en Galicia tamén protagonizará a comparecencia do goberno no Pleno da próxima semana, que os socialistas aproveitarán para presentar alternativas ao colapso sanitario provocado polos recortes e a xestión do PP. Álvarez lamentou que o presidente da Xunta renuncie a dar a cara pola situación crítica do sistema, facendo que sexa o conselleiro de Sanidade quen interveña diante do Parlamento.
Entidades locais
Os socialistas galegos presentarán unha moción para reclamarlle á Xunta que tome medidas para garantir o financiamento suficiente das entidades locais, sinaladamente atendendo ás competencias autonómicas que obriga a asumir aos concellos sen garantir os orzamentos necesarios.
Tamén presentarán dúas proposicións non de Lei para pedir a creación do Consello Galego de Montes Veciñais e en Man Común e o reforzo dos equipos de valoración da Dependencia, así como unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que poña en marcha medidas de apoio ao sector de cerco, afectado pola parada nas capturas de xurelo.