Apela á “responsabilidade que –Feijóo- non está a amosar” para resolver “canto antes” o proceso de tránsito na Presidencia da Xunta e centrar a acción de goberno en “resolver os problemas dos galegos”
O Grupo Socialista presentará no próximo Pleno unha Proposición de Lei para limitar as esperas en Atención Primaria a un máximo de 2 días
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, anunciou que centrará a sesión de control ao presidente do próximo Pleno do Parlamento en reclamarlle a Feijóo que concrete as súas propostas de apoio aos sectores estratéxicos de Galicia. Así o explicou logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da próxima semana, que comezará cunha proposición de Lei do Grupo Socialista para limitar a 2 días as esperas en Atención Primaria.
O responsable socialista advertiu que a Xunta “pode facer moitísimo máis do que está anunciando” para axudar aos galegos e galegas a afrontar a crise provocada pola invasión de Rusia sobre Ucraína. Mentres o presidente da Xunta está plenamente dedicado no “agravamento da estratexia de criticar as medidas do goberno central”, puntualizou, o goberno obvia as súas competencias e limítase a presentar “meros anuncios sen translación oficial”.
Así o demostrou, dixo, cando na última sesión plenaria decidiu comparecer para dedicar 9 décimas partes da súa intervención a “poñerlle deberes ao goberno central”. Por iso reclamaralle que explicite se “as súas medidas van pasar de meros anuncios a un desenvolvemento real urxente como están a facer outras administracións, nomeadamente o goberno do Estado, mal que lle pese a Feijóo”.
Na mesma liña, anunciou dúas proposicións non de Lei para reclamar por unha un paquete de medias fronte á crise, que inclúa axudas directas a autónomos, un plan específico para o sector mar – industria, un plan para o agrario ou o reforzo das axudas ás persoas máis vulnerables. A segunda proposta incidirá en reclamar un plan especial para o pequeno comercio do rural, mentres incluirán unha interpelación para reclamar axuda para os fogares con menos recursos.
Resolver a interinidade
Luis Álvarez urxiu ao presidente da Xunta a “resolver canto antes” o proceso de “tránsito ou interinidade” no que ten inmerso ao goberno mentres asume a dirección do partido a nivel estatal, evidenciando que “non está preocupado polos problemas de Galicia, senón polos problemas orgánicos do PP, que non son poucos”. Advertiu que esta situación impide unha acción necesaria de goberno que tome “políticas audaces, comprometidas e con repercusión económica”.
Censurou que mentres se manteña no cargo “vai empregar o altofalante da Presidencia e do aparato gubernamental da Xunta para facerlle oposición ao Estado, e de paso non resolver minimamente os problemas que temos” os galegos e as galegas. Apelou á “sensibilidade e responsabilidade que non está a demostrar para que nos saque desta situación” e active o proceso de muda “canto antes”.
Censurou o proceso de “interinidade evidente” cun Executivo “desaparecido” que provoca que “no peor momento para Galicia teñamos un goberno que non está actuando máis que en tarefas de engraxe da maquinaria, de mantemento puro e duro”, carente da “acción de impulso necesaria”, que é “a única maneira de saír desta situación”.
Proposición de Lei
Explicou, que o Pleno da próxima semana comezará coa proposición de Lei do Grupo Socialista para a mellora da asistencia primaria no Sistema público de Saúde de Galicia, que busca limitar por Lei o tempo máximo de espera na Atención Primaria a un máximo de dous días. Advirte que as esperas nos Centros de Saúde se teñen demostrado como un “problema persistente, agravado como consecuencia da pandemia” ata o punto de converterse en “estrutural” no sistema sanitario.
A proposta inclúe a garantía aos Centros de Saúde dos medios necesarios para o cumprimento dos requisitos mínimos de calidade, pasando a ser considerados prioritarios para o reforzo do persoal no momento en que se detecten incumprimentos do tempo máximo de espera para a atención. Tamén reclaman limitar o número de consultas diarias, e habilitar un catálogo de probas diagnósticas que poidan ser demandadas directamente dende a Atención Primaria.
O Pleno da próxima semana incluirá unha moción do Grupo Socialista para reclamarlle á Consellería de Política Social que apoie a renovación do convenio laboral do sector, actualizando as taxas de pacientes por profesional, equiparando progresivamente as horas das xornadas laborais ao traballadores das residencias públicas.
Tamén incluirán unha pregunta urxente sobre a anulación do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da Vía Ártabra e dúas preguntas sobre o servizo de transporte de viaxeiros por estrada no Barbanza e a reformulación do modelo de brigadas municipais do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.