O parlamentario socialista Luis Álvarez emprazou á deputada do PP e concelleira en Vilalba Sandra Vázquez a explicar no concello por que o PP vetou hoxe a iniciativa socialista para pedirlle á Xunta que faga un Centro de Día. O responsable socialista presentou na Comisión de Sanidade esta proposición non de Lei na que lle reclamaba ao goberno galego que garantira a posta en marcha deste servizo no próximo ano.
Álvarez lamentou que a concelleira do PP nin sequera tivera a ben participar do debate de hoxe, deixando en mans dun compañeiro de partido que replicou cun “argumento tan inconsistente e pueril como recorrer a unha rúa sen peatonalizar” para desbotar a proposta. Cuestionou ademais o coñecemento xeográfico do PP, que sinalou que a provincia xa tiña centros de día nos concellos de Abadín, Begonte e Cospeito, ben afastados dos usuarios de Vilalba.
Ironizou co feito de que o parlamentario do PP “mesmo podería ser capaz de situar Abadín na Costa da Morte igual que na Costa de Marfil”. Ademais, lembrou que os tres concellos están gobernados polo PP, como foi Vilalba entre 2009 e as últimas eleccións de 2019, un prazo no que non tiveron a ben acadar o centro de día que si que acadaron os outros tres concellos.
Sinalou que sen embargo o PP local si que mudou a súa posición, logo de 10 anos negando a necesidade deste servizo para pasar a pedilo dende os dous últimos meses, antes de rexeitalo no Parlamento e apelando a financialo con fondos Next Generation EU. Álvarez acusou ao PP de “invitar sen pagar”, para que o centro sexa financiado por outras administracións e, “se finalmente non hai fondos culpar ao goberno de España”.
Explicou que “o Centro de Día é necesario para Vilalba con independencia de que sexa financiado con fondos europeos”, e lembrou que a Xunta de Galicia “ten fondos propios máis que suficientes para levar a cabo esta actuación”, sinaladamente logo de que a Consellería de Política Social sinalara que os orzamentos para este ano permiten “a maior inversión da historia”.