O portavoz do Grupo Socialista sinala que as forzas progresistas superan ao PP en máis de 120.000 votos e adianta que “seguimos traballando coa mesma ilusión, ímpetu e determinación” a favor da maioría dos galegos e das galegas
O portavoz do Grupo socialista, Luis Álvarez, emprazou hoxe a facer unha “autocrítica construtiva” dentro do PSdeG logo dunhas eleccións municipais nas que os resultados “non foron os esperados”. Ao día seguinte da convocatoria electoral, sinalou que as forzas progresistas sumaron en Galicia por enriba de 120.000 votos máis que o PP, o que constata unha maioría progresista encabezada polo PSdeG.
Logo de felicitar ao PP polos resultados obtidos, subliñou que o PSdeG é a segunda forza política con máis de 1.000 concelleiros en toda Galicia, logo dunhas eleccións nas que o PP “fracasou” nos grandes obxectivos fixados para Galicia. Lembrou que as cidades de Vigo, A Coruña e Lugo manteñen o proxecto de progreso e de reforzo dos servizos públicos que representa o PSdeG e o PP non gobernará en Santiago de Compostela.
O responsable socialista celebrou a título particular que a cidade de Lugo lle dera unha “emenda á totalidade a Alfonso Rueda”, logo de que a “grande aposta do PP” quedara fora da alcaldía, malia que o presidente da Xunta “pasou xunto co seu goberno media campaña na provincia”, con algún dos seus membros que “a coñeceron por primeira vez”.
Ademais, sinalou, as deputacións da Coruña e de Lugo manterán un presidente socialista, que ofrecen a “garantía de axudar aos galegos e ás galegas que mais necesitan” do reforzo dos servizos públicos. Engadiu que malia que os resultamos “non son os que agardabamos”, en realidade “non son a catástrofe” para os socialistas que “están intentando facer ver destacados membros do PPdeG”.