O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe que Feijóo “xa non exerce de presidente dos galegos e das galegas”. O responsable socialista comparou a intensa axenda despregada polo presidente do goberno para que a Comisión Europea desbloqueara as medidas enerxéticas para España e Portugal e o paquete de 16.000 millóns de euros en axudas coa pasividade do goberno galego.
Criticou que Feijóo se demostre “ausente” e “renunciando ao seu papel de presidente da Xunta, un Executivo de perfil ante os problemas, un goberno máis interino que nunca na peor das situacións que temos vivido na historia da nosa Autonomía”. Advertiu que o PPdeG unicamente estea “preocupado pola sucesión de Feijóo”, mentres “milleiros de transportistas temen polo seu futuro, os gandeiros e os pescadores están asfixiados”.
Lamentou que con esta actitude está a deixar claro que “para o PP o primeiro é o funcionamento orgánico do partido, e en segundo lugar –no mellor dos casos- deixan os problemas dos galegos e das galegas”, antes de admitir que “é algo que doe, ademais de ser inaudito”. Advertiu que a gravidade da situación “esixe dar o mellor de nós” e “estar ao carón da xente”, que o está a pasar mal.
Álvarez lamentou as “medidas meramente cosméticas” con “moi pouco impacto económico” do goberno galego, que ten a desfachatez de “raiar o insulto” aos sectores afectados ofrecendo “un bono turístico”. Comparou estas iniciativas cos 6.000 millóns en axudas directas e incentivos fiscais ou a liña de 10.000 millóns a través do Instituto de Crédito Oficial desbloqueados polo Executivo central para facer fronte ao impacto da crise.
“A que agarda Feijóo para comprometer cantidades importantes mais alá de meros anuncios?”, preguntou o portavoz socialista antes de esixirlle que “deixe de actuar de forma interina e poña ao seu goberno a traballar”. Lembroulle que a súa “obriga” é precisamente “darlle solución aos problemas dos galegos e das galegas”, e en ningún caso “utilizar á Xunta como instrumento alternativo ao Congreso ou o Senado, onde non está”.
Cortesía
Luis Álvarez presentou como exemplo desta ausencia do presidente da Xunta que o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, leve dúas semanas agardando a calquera tipo de resposta á solicitude de reunión co presidente da Xunta para acordar medidas fronte á situación actual. Lamento que non tivera “nin a máis mínima cortesía” de “cando menos responder dando por recibida a petición e buscar algún momento para desenvolver o encontro”.
Esixiulle “corresponsabilidade” cun partido que “goberna a máis da metade dos galegos e das galegas” a través dos concellos galegos e que “merecería o respecto de Feijóo”. A situación é de tal gravidade, engadiu, que o propio PSdeG viuse obrigado a repetir a petición de entrevista co presidente da Xunta o pasado venres e, reiterou, “insisto en que hai formas e formas de gobernar”.