Sitúa á conselleira de Igualdade nunha “realidade paralela” ao sinalar que o goberno de España é peor para a igualdade que a coalición PP – Vox
O portavoz do Grupo Socialista, luis Álvarez, apuntou hoxe que os catro anos de “duro esforzo” nos gobernos municipais e os resultados da xestión da pandemia e das consecuencias da guerra de Ucraína permitirán “revalidar e aumentar a confianza da cidadanía” nas candidaturas do PSdeG. Así o dixo logo do Comité Nacional Galego do PSdeG que se celebrou esta fin de semana e no que se aprobaron por aclamación 231 listas, á espera de aprobar definitivamente as candidaturas pendentes.
O responsable socialista presentou como aval a xestión dos 110 alcaldes e alcaldesas do PSdeG, que gobernaron entre outras 5 das 7 grandes cidades e presidiron 3 das 4 deputacións galegas, fronte a un PP “moi nervioso” diante da cita electoral. Situou aos conservadores “ausentes das grandes inquedanzas” de Galicia.
O PP, dixo, está situado detrás dun presidente incapaz de ofrecer solucións aos problemas dos galegos porque está “aferrado ao mástil do barco que pilota un capitán errático como Feijóo, que garda atracar na Moncloa por un golpe de sorte”. Criticou que o seu único argumento sexa confundir as eleccións municipais coas xerais, o que evidencia unha “falla de confianza moi preocupante na súa capacidade política no ámbito municipal”.
Empregando o seu propio argumento, sinalou que “non parece mala opción” apoiar a un goberno que puido xestionar o país nunha “concatenación sen precedentes de escenarios adversos”, sinaladamente cando fan tres anos do confinamento provocado pola pandemia, e a continuación as consecuencias da guerra de Ucraína.
Na mesma liña, dixo, “votarlles a eles nas municipais é avalar unha política destrutiva, que non só non quere axudar, senón que se empecina en obstaculizar cada medida”, como fixeron contra os fondos Next Generation, o aumento das pensións ou a reforma laboral. Explicou que logo de tres anos “todos lembramos as roldas de prensa do actual líder do PP negando as evidencias e adoptando unha postura permanentemente vitimista” durante o confinamento.
Álvarez reivindicou ademais a autonomía do PSdeG fronte ao goberno central, cando “temos votado sistematicamente as reclamacións fronte ao Estado cando son boas para Galicia”, e sinalou por exemplo as melloras nas infraestruturas, ou nos dous últimos plenos na defensa dos agricultores ou dos pescadores. Sinalou que “Alfonso Rueda erra” ao non mirar par o seu partido, que “nunca” votou para reclamar melloras para Galicia durante os gobernos de Rajoy.
Igualdade
Álvarez advertiu á conselleira de Igualdade “profundamente desafortunada” e vivindo “nunha realidade paralela” ao dicir onte que o goberno de España é peor para a igualdade que unha coalición entre PP e Vox. Evidencia, dixo, a “estratexia destrutiva” do PP, un partido que recorreu contra a Lei de Igualdade Efectiva de dereitos entre homes e mulleres, a Lei do Matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo.
Reclamoulle “calibrar con máis coidado” as súas declaracións públicas, sinaladamente cando proceden dun partido “atado á política que ditamina Feijóo e a man oculta da ultradereita encarnada na señora Ayuso”. Acusouna de “terxiversar a realidade en aras do rédito electoral” e lembrou que “hai cousas coas que non se debe xogar”, ademais de que “as mulleres de Galicia saben que iso non é certo”.