Alerta que o PP está “en pánico de perder o goberno” de Galicia critica que fora ao Congreso a ver como Feijóo non dedicaba “nin unha sola palabra ás necesidades de Galicia” na sesión de investidura de onte
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao presidente da Xunta de estar “máis pendente das necesidades de Madrid que das necesidades de Galicia”. Criticou o exceso de anuncios electorais e a falla de medidas eficaces de apoio ás familias por parte de Rueda, a quen ve “colapsado” polo “pánico” diante do risco de perder o goberno da Comunidade Autónoma cando “manexan datos que pintan mal”.
O responsable socialista reclamoulle que “mentres sexa presidente da Xunta, tome o control do goberno galego”, ou do contrario “permita que o pobo galego decida se quere seguir cun presidente pendente de Madrid ou prefire un presidente que estea pendente de Galicia”. Reclamoulle que vaia máis alá da “constelación de medidas” electorais ineficaces, como constata o IGE, que alerta de que máis da metade dos fogares teñen dificultades para chegar a fin de mes.
Álvarez replicou ás alusións do presidente da Xunta ao debate de investidura de onte, ao que asistiu como “fiel seguidor dun rei non entronizado”, e criticou o “colmo da desfachatez” de Feijóo, que falou “de tódalas comunidades autónomas agás de Galicia”, á que non dedicou “nin unha sola palabra”. Criticou que o ex presidente da Xunta se presentara como candidato co lema Galicia, Galicia, Galicia e “cando houbo que votar o uso da lingua no Congreso, Galicia desapareceu”.
O parlamentario socialista acusou ao presidente da Xunta de deixar ás familias desatendidas mentres teñen que “afrontar situacións dificilmente sostibles”, e mesmo “retiran medidas que funcionaban”. Criticou así que suprimiran a gratuidade de libros de texto para mudalo por outro sistema “máis caro, ineficiente, socialmente inxusto e ideolóxico” ao tempo que anuncian un bono deportivo de 16 millóns, cando a gratuidade dos libros suporía apenas 18.
Criticou o desinterese do goberno galego por axudar ás familias que teñen que asumir uns custes de entre 300 e 600 euros en material escolar por cada fillo, e que demostra que “non están preocupados polos fogares nin polas necesidades dos galegos e das galegas”. Afeoulle que votaran en contra do tope do gas, da limitación de alugueiros, de subir as pensións mínimas ou da suba do SMI sen propoñer medidas alternativas.
O mesmo goberno galego, dixo, que reducía os ingresos da Comunidade Autónoma en 35 millóns de euros pola diminución do imposto do Patrimonio, unha “decisión ideolóxica que ninguén lles pediu e coa que deixaron de beneficiar a milleiros de galegos e galegas. Lembrou que aquela decisión coincidiu coa supresión da tarxeta básica de axuda para adquirir produtos básicos dirixida a 55.000 familias mentres Galicia continúa tendo 700.000 persoas en risco de exclusión.