O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, Luis Álvarez, acusou hoxe a Feijóo de marchar para Madrid logo de 13 anos de xestión dun “modelo que o único que fixo foi empobrecer a Galicia”. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que criticou que o goberno galego leve dous meses de xira para presentarse como líder do PP sen tomar medidas para apoiar a Galicia na peor crise en décadas.
O responsable socialista contrastou hoxe as 160 páxinas dun dos BOEs aprobados polo goberno con medidas fronte á crise cunha páxina en branco do DOG exemplificando a falla de medidas tomadas polo goberno galego. “Canto anuncio e que pouco produto”, sinalou logo de afearlle a Feijóo que leve 2 semanas coa axenda como presidente case baleira, mentres cargaba de actos a súa campaña persoal para confrontar co presidente do goberno.
“A Xunta está ausente no peor momento para esta Comunidade Autónoma”, resumiu Álvarez lembrando que a pasada fin de semana a axenda do goberno galego quedou baleira, con “ningún conselleiro de garda”. Demostraron así, dixo, que estaban “máis preocupados pola sucesión de Feijóo que polos problemas dos galegos e das galegas”.
Acusou ao presidente da Xunta de “defraudar o seu compromiso” cos galegos e as galegas logo de presentarse nas últimas eleccións autonómicas poñendo Galicia “como o máis importante” para marchar a Madrid mediada a lexislatura e demostrando “pouco criterio para aportar ideas construtivas, moita publicidade pero ningunha solución”, despois de semanas consecutivas de concluír os consellos da Xunta apenas “lendo e aprobando informes” sen capacidade investidora.
Álvarez replicoulle ao presidente da Xunta sinalando que “non se preocupa de se quero estar no Congreso ou no Senado, estou ben no Parlamento de Galicia, e vostede non”, antes de remachar que “vostede estará de corpo presente, pero a súa mente non está no Parlamento nin en Galicia dende fai tempo”. Cuestionou así se debera dirixirse ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, como sucesor, no canto de a Feijóo.
Datos oficiais
Puntualizou que “eu non son responsable dos datos oficiais” que constatan o empobrecemento de Galicia durante os últimos 13 anos, e “vostede si”. Álvarez confesou a “fonda preocupación” dos socialistas galegos diante da “situación alarmante” na que Feijóo deixa Galicia. De acordo co INE, Galicia é a autonomía número 11 en salario medio anual, ten un 22,1 por cento da poboación en risco de pobreza, é a décima en PIB por habitante e a segunda pola cola en taxa de actividade.
Ademais, lembrou que Galicia ten un peor dato de evolución do IPC que no conxunto do Estado, e o incremento do prezo da vivenda multiplica por catro ao conxunto do Estado, e todo iso “previo á crise de Ucraína”. Afeoulle ao presidente da Xunta que logo de que estoupara a crise, o goberno galego se limitara a presentar “moito anuncio e pouco produto”.
Sinalou que malia preocuparse de presentarse como “gran xestor”, a realidade é que “non foi quen de trasladarlle unha soa proposta ao goberno do Estado para incluír no Plan Nacional fronte á espiral inflacionista”, e que “non foi quen de baixar os impostos que lle pide ao Estado”. Lamento o “pouco criterio para aportar ideas construtivas” porque, concluíu, “nin sabe nin ten intención de facelo”.