O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao goberno galego de “degradar o sistema sanitario” dificultando o acceso aos servizos e “consolidando unha sanidade de dúas velocidades”. Sinalou o “malestar polas listas de agarda excesivas, a xeneralización dos concertos coa privada e a degradación dos servizos nos hospitais comarcais”.
O responsable socialista levou hoxe á sesión de control ao presidente da Xunta a “preocupación e malestar” dos profesionais e os usuarios do sistema sanitario público polo dano que lles está a provocar a “cegueira, improvisación e obsesión polo recorte” dos responsables. Acusou ao conselleiro de Sanidade de “non ser consciente do dano que a precariedade lle está ocasionando ao sistema”.
Así, criticou a resposta do conselleiro nunha entrevista defendendo os contratos por días e horas sinalando que “es lo que hay”, obviando o deterioro que provoca que, segundo os datos do IGE, un 30 por cento do persoal non teña contrato fixo –un 26 por cento sen ter en conta o persoal en formación-. Lembrou os casos dunha mesma persoa con de 270 contratos distintos ou as queixas por contratos para apenas 4 horas.
Apuntou aos efectos provocados pola “improvisación a longo prazo”, con variacións na idade de xubilación, baixas sen reposto, e unha planificación de MIR insuficiente para dar cobertura aos futuros relevos. A consecuencia, dixo, é o deterioro dos servizos e unhas listas de agarda disparadas con máis de 10.000 persoas agardando para a consulta de traumatoloxía na Eoxi de Vigo, cunha espera media de 10 meses e casos de ata 3 anos.
Acusou á Xunta de combater as listas de agarda gastando máis de 200 millóns de euros anuais en derivacións ás empresas privadas, provocando que algunhas Eoxis perdan a cualificación precisa para realizar prácticas médicas e consolidando o sistema privado.
Propostas
Fernández Leiceaga presentou tres propostas concretas de acordo para consolidar un catálogo de servizos para os hospitais comarcais, un Plan de Persoal co obxectivo de incrementar en 2.000 prazas en catro anos ou a modificación da Lei de Garantías Sanitarias para reforzar o sistema público de saúde.
En primeiro lugar, reivindicou un catálogo de servizos que garanta nun prazo de 4 anos unha serie de servizos mínimos “dentro do razoable e do posible” en tódolos hospitais galegos. Explicou que hoxe tódolos hospitais comarcais viron reducida ou desaparecido o servizo de Cardioloxía, Valdeorras ten só 2 dos 4 traumatólogos de que dispuña, e as operacións teñen que ser derivadas a un centro concertado de Ourense.
En segundo lugar, reclamou un Plan de Persoal para aumentar a dotación da sanidade pública tamén nun prazo de catro anos e que permita reducir en 3.300 -á metade- os traballadores eventuais, e aumente nun 25 por cento as prazas MIR, fixándoas en 2.000 para afrontar o déficit previsto. Finalmente, propuxo modificar a Lei de Garantías Sanitarias para reforzar o sistema público de saúde.