A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias pola exclusión dos alcaldes socialistas de Manzaneda e Trives dunha xuntanza coa secretaria de Igualdade da Xunta na que si estaban representantes do PP daqueles concellos xunto cos alcaldes de A Veiga e Larouco.
A dita xuntanza, que se celebrou o pasado 17 de xaneiro na sede da Xunta, tiña como obxectivo tratar os recursos de Igualdade, conciliación e violencia de xénero nestas áreas xeográficas. Pierres critica que se tivera vetado aos representantes socialistas cando precisamente o único Centro de Información á Muller –CIM- da zona atópase en Trives e mancomunado co concello de Manzaneda.
Sinala que precisamente por este motivo tanto a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, como o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, contan cun “mellor e máis próximo coñecemento das necesidades e recursos cos que contan as mulleres desta área xeográfica”. Sen embargo, lamenta que este motivo non fora obstáculo para pechar a xuntanza a membros dun único partido en exclusiva.
Pierres lamenta que por este motivo “non parece primar o verdadeiro interese de ter o mellor coñecemento da realidade desta parte do territorio galego, nin parece que sexa o mellor modo de facer uso dos recursos públicos nin o método máis participativo e inclusivo que se agarda da Administración autonómica”.