A portavoz de Consumo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de presentar unha pregunta á Xunta na Comisión de Industria para reclamarlle que leve adiante unha estratexia de dixitalización galega co obxecto de levar a banda larga ao rural empregando os fondos Next Generation EU.
A responsable socialista sinala que o confinamento e as novas condicións impostas pola pandemia puxeron de relevo un “atraso intolerable” na dixitalización de moitas parroquias galegas. Advertiu que nunha crise “que está afectando de xeito moi grave e profundo a toda a sociedade, Galicia ten os recursos e a capacidade para desenvolver unha verdadeira estratexia dixital que nos faga estar á cabeza”.
Denunciou o desleixo do Executivo autonómico que, malia ter recibido nos tres últimos anos máis de 63 millóns de euros procedentes do Estado, ten deixado ao 39 por cento da poboación cunha cobertura inferior aos 100 Mbps, incluíndo boa parte de escolares, estudantes e profesionais obrigados a teletraballar dende as súas residencias sen contar coa conexión acaída.
Gondomar
É o caso de preto de 10.000 veciños e veciñas das parroquias de Gondomar, cun servizo precario dun máximo de 3 Mbps polos desacordos entre a empresa e os propietarios para colocar os postes e o cableado. Gallego reclámalle á Xunta que faga cumprir os contratos de concesión coas operadoras encargadas do acceso á conectividade nesta localidade.
Actualmente a práctica totalidade dos residentes da vila teñen conexións precarias, xa que a máis de 3,5 quilómetros do centro urbano resulta “practicamente imposible conctarse a internet, en parroquias altamente poboadas, como Borreiros, Donas, Mañufe, Peitieiros, Couso, Morgadáns, Chaín ou Vilaza.
A responsable sinala que algo semellante sucede cos concellos de Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita, Ribeira, e mesmo barrios da porpia cidade de Lugo, como o de Albeiros, sen fibra óptica a día de hoxe.
Gallego esíxelle ao goberno galego que traballe por un gran acordo para unha Galicia dixital, situando como obxectivo catalizar unha transformación dixital que impulse o emprego, o desenvolvemento da industria e a revitalización da economía. A transformación dixital, sinala, é “un piar básico para aumentar a produtividade e a xeración de maior valor engadido”.
Propón neste sentido centrarse “na transformación dixital de pemes e empresas familiares, garantir unha conexión de 100 Mbps para tódolos polígonos de Galicia, un despregamento acelerado da rede 5G que inclúa ás zonas rurais, implementar unha estratexia dentro da Industria 4.0 para dixitalizar á agricultura, a pesca e a industria, e multiplicar o investimento na I+D das TIC.