Pide ao goberno galego que axilice a obra, xa que a ampliación é necesaria para Conxemar, unha feira “vital” para a economía galega
A deputada viguesa Leticia Gallego trasladou hoxe a súa “perplexidade” trala suma de retrasos da ampliación do Instituto Feira de Vigo (IFEVI), xa que a obra aínda non rematou malia que a Consellería de Infraestruturas anunciara o fin das obras para o mes de setembro do ano pasado. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Industria do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao director da Axencia Galega de Infraestruturas.
“Estou un pouco perplexa”, sentenciou a socialista, tras sinalar que “á Xunta non lle importa absolutamente nada Conxemar e os sectores nos que repercute a feira” como a industria pesqueira, o sector hoteleiro ou o comercio.
“Non lles importa nada de nada”, incidiu Gallego, cando ademais xustifican esta demora no proceso de vacinación contra a covid realizado no recinto feiral ou a escaseza de subministros, dúas cuestións que “xa ocorrían no mes de maio” cando a Xunta anunciou que a ampliación estaría antes da celebración de Conxemar 2021.
Neste marco, a socialista lamentou que a Xunta “teña que botarlle a culpa a alguén” e así criticou que a Xunta sinale directamente ao alcalde. “Se alguén cre que Abel Caballero quere prexudicar a Vigo creo que está un pouco confundido”, sentenciou a socialista, quen lembrou que “se non se amplía o espazo de Conxemar e non se pode responder ás necesidades das empresas, hai risco de que marchen para Barcelona” á feira Seefood, o que implicaría un “enorme prexuízo” para a economía da cidade.
Ao fío disto, Gallego subliñou que “a Xunta non debería ter demorado a ampliación do IFEVI, xa que Conxemar é vital para a economía galega” e lembrou que a execución da obra de ampliación se realizou “pola insistencia do goberno municipal que así llo pediu ao goberno galego”.
Por último, a deputada socialista pediu ao goberno galego que axilice a obra e advertiu que se os prazos volven demorarse, o Grupo Parlamentario Socialista volverá levar ao Parlamento esta cuestión.