A parlamentaria socialista Leticia Gallego reclamoulle hoxe á Xunta que retome o proxecto de soterramento da Avenida Beiramar, en Vigo, logo de 11 anos paralizado por Feijóo. Gallego lamentou que o PP volvera demostrar hoxe o “abandono” á cidade de Vigo ao rexeitar a proposición non de Lei que presentou neste sentido na Comisión de Obras Públicas celebrada hoxe no Parlamento.
A parlamentaria viguesa lembra que a proposta “leva máis dunha década sobre a mesa, sen que ata a data se dera un paso firme que permita ir máis aló do papel”, logo de que Feijóo paralizara o proceso iniciado polo presidente socialista Emilio Pérez Touriño. Sinala que “o Concello non abandonou o proxecto, os únicos que o teñen esquecido son Feijóo e os presidentes da Autoridade Portuaria Corina Porro, Ignacio López – Chaves, Enrique López Veiga e Jesús Vázquez Almuíña.
Gallego preguntou “que ten pasado dende que en 2010” sacaran a concurso o proxecto por 1,3 millóns de euros dende a Consellería que daquela encabezaba Agustín Hernández, que foi adxudicado, aínda que con máis de dous meses de retraso. Sen embargo, dende entón “nada se fixo por parte do goberno de Feijóo” para atender un proxecto cada vez máis necesario e “absolutamente compatible co tráfico e a actividade portuaria”.
O proxecto supón unha actuación integral de 1,3 quilómetros nun terreo parcialmente incluído na Autoridade Portuaria en Beiramar, e que suporía a transformación da fronte marítima da cidade, cun orzamento previsto de 70 millóns de euros para ampliar o vial e habilitar un espazo público de 35.000 metros cadrados que solucionaría o problema de aparcamento con 350 novas prazas.
O proxecto, esquecido polo goberno de Feijóo, é unha das peticións recollidas reiteradamente nas sucesivas cartas enviadas dende a Alcaldía ao presidente da Xunta en 2015 e 2019, e no mes de abril deste mesmo ano foi remitido de novo á Xunta, ao Goberno central e á UE.
O goberno galego si que anunciou no entretanto, este mesmo mes de outubro un investimento de 20 millóns de euros para adquisición e urbanización de terreos na fachada marítima de A Coruña. Puntualizou que “parécenos moi ben, pero tamén nos gustaría que o goberno galego se comprometera co investimento no soterramento do vial de Beiramar e así facer a transformación urbana que tanto precisa o fronte marítimo de Vigo”.