Sinala que é “urxente” que o goberno galego faga traballos de mantemento “o antes posible” pola afluencia de visitantes que se prevé neste Xacobeo
A deputada socialista Leticia Gallego vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que acometa traballos de mellora no tramo do Camiño de Santiago ao seu paso pola parroquia de Sanguiñeda, no concello de Mos. A demanda realízase ante “o mal estado” que presenta este treito.
Leticia Gallego incide en que este ano 2022 volve ser Xacobeo e, polo tanto, “se a actual situación pandémica mellora, agárdase unha gran afluencia de visitantes, entre eles peregrinos e peregrinas, á nosa Comunidade”.
Neste contexto, lembra que “a Xunta debe facer o mantemento dos tramos do camiño de Santiago sempre”, pero “con maior motivo cando é Xacobeo”. Por iso, subliña que é “urxente” que se leven a cabo estas accións por parte do goberno galego “o antes posible”.
A deputada socialista lembra que o Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021 recollía entre outras actuacións o mantemento viario, sinalización e seguridade viaria, así como a mellora da súa accesible ou a dinamización dos diferentes camiños. Estas accións específicas, recalca, volven estar recollidas no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021.
A maiores, Leticia Gallego sinala que nos orzamentos para 2022 están consignados 41.605.394 millóns de euros para o Plan de Reformulación do Xacobeo, 7.642.394 euros para a mellora de albergues e do Camiño de Santiago e 6 millóns para a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Deste xeito, cualifica de “imprescindible” que se melloren os percorridos do Camiño de Santiago, sobre todo os que se atopan en malas condicións, como o de Sanguiñeda.
Dende o grupo parlamentario socialista faise extensible esta solicitude ao conxunto dos tramos que se atopan en mal estado no conxunto da comunidade autónoma ante a visita de peregrinos e peregrinas neste Xacobeo e de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria existente.