A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta que elabore un plan estratéxico termal para cada unha das catro provincias galegas, co obxectivo de incentivar o turismo termal en Galicia. A responsable socialista presentou esta iniciativa durante un encontro co alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, xunto co parlamentario Julio Torrado e membros do goberno local.
A responsable socialista chamou a reforzar o turismo sanitario no contexto da pandemia, cando “os e as turistas preocúpanse cada vez máis por buscar destinos que, ao mesmo tempo que un período de descanso, poidan axudalos a contribuír e levar un estilo de vida saudable e preventivo” que atopan en Galicia.
Gallego visitou xunto co alcalde e os membros da Corporación Municipal as obras das pozas da Tafona, para aproveitar as posibilidades turísticas do termalismo de Caldas de Reis que teñen que ser executadas a cargo do Concello e da Deputación Provincial diante do desleixo do goberno autonómico.
Reclamoulle ao goberno galego que aproveite as posibilidades do turismo termal “como unha forma de desestacionalizar o turismo galego, para lograr unha distribución equilibrada de visitantes ao longo do ano e unha mellor distribución xeográfica en todo o territorio”. Para iso, dixo, “ten que deseñar e planificar programas de axuste estacional con obxectivos a medio e longo prazo”, que pode realizar nesta modalidade específica de turismo.
Pediu así “unha partida nos orzamentos deste ano para o desenvolvemento dun plan estratéxico termal para as catro provincias” que garanta que o turismo termal “sexa incluído nos Orzamentos da Xunta de Galicia” fronte ao “abandono da nosa riqueza termal”.
Explicou que esta modalidade de turismo “combina perfectamente con outros produtos, como o turismo rural ou de natureza, e intégrase na oferta turística de proximidade, que actualmente é o que solicita o visitante”. Reivindicou así “unha distribución equilibrada de visitantes ao longo do ano e unha mellor distribución xeográfica en todo o territorio”.