A portavoz de I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, advertiu hoxe que “o persoal investigador en Galicia traballa en precario e cunha estabilidade laboral inasumible”, antes de reclamarlle á Xunta “dignificar o traballo” dos investigadores e investigadoras de Galicia. Gallego presentou unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que incremente o investimento en I+D+i ao 1,5 por cento en dous anos, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista sinalou que o traballo dos investigadores e investigadoras posdoutorais no sistema de I+D+i é “indiscutible”, xa que “conforman un persoal altamente formado con experiencia necesaria para realizar actividades de investigfación con autonomía”. Engadiu que o seu traballo “deriva nunha alta produtividade que xera coñecemento de valor engadido e un importante retorno económico e social”.
Sen embargo, o goberno galego somete a estes profesionais altamente cualificados á precariedade laboral, deixando sen investir 135 millóns de euros nas partidas de I+D+i. Cualificou de “indignante” esa perda de capital polo desleixo do goberno galego “mentres os investigadores traballan nas peores condicións e os seus proxectos non continúan por falla de financiamento da Xunta, que desperdicia 135 millóns de euros.
Gallego reclamou incrementar as partidas para I+D+i “e logo executalas”, para que “Galicia chegue a ser unha rexión con forte innovación, ou do contrario perderemos a carreira pola ciencia e a tecnoloxía”. Sinala que “a Xunta de Galicia debe garantir o cambio xeracional e a atracción e retención de talento, así como garantir a igualdade efectiva entre homes e mulleres”, xa que “a fuga de talentos cóstalle a Galicia 300 millóns ao ano”, segundo un recente informe do Foro Económico.
O Grupo Socialista reclamou hoxe unha aposta decidida pola investigación, incrementando o investimento nestas partidas dende o 0,98 por cento actual ata o 1,5 por cento do PIB nos próximos dous orzamentos. Sinalou que actualmente Europa dedica de media o 2,18 por cento do PIB, e xa lle ten remitido unha advertencia á Xunta de Galicia para incrementar o ritmo de execución do gasto e intensificar a dinamización do investimento público e privado combinados.
A parlamentaria socialista emprazou ao goberno galego a cumprir co mandato parlamentario, que o 25 de novembro pasado aprobou por unanimidade unha iniciativa socialista para elaborar un novo plan galego de I+D+i. Lembra que a Xunta está aínda lonxe das súas propias previsións, logo de que Feijóo se comprometera a acadar un gasto do 1,7 por cento en 2020, de acordo coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3) e o Plan Galicia Innova 2020.
Estas dúas previsións quedaron moi lonxe da realidade do 0,98 por cento do investimento en I+D+i actual polo desinterese dun goberno que anunciaba un programa de innovación con 12 millóns de euros para 15.000 pemes galegas. Leticia Gallego cualificou este anuncio de “broma” por canto, explicou, suporía un investimento de 800 euros para cada empresa.