A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que reforme e amplíe a nave de redeiras de Cangas do Morrazo e mellore as súas condicións de traballo. Gallego presentou estas iniciativas durante unha visita ao peirao da localidade, onde mantivo un encontro con varias representantes deste colectivo xunto cos concelleiros socialistas Eugenio González e Ingrid Oprea.
Gallego dirixiuse a Portos de Galicia, que ten a titularidade da nave e é a responsable da execución das obras de ampliación e reforma, para que tome medidas urxentes para a mellora das condicións de traballo das redeiras, incluíndo mecanismos para mover as redes que teñen que traballar nun espazo excesivamente reducido polo aumento da carga de traballo na vila.
Sinalou que esta nave “incumpre as mínimas condicións de traballo”, obrigando ás redeiras a desempregar o seu labor “nunhas condicións laborais lamentables, con apenas sitio para traballar, sen lugar para descansar e carecendo mesmo de vestiarios para cambiarse”. Sinala que a nave que teñen dispoñible en realidade é “un almacén de redes, non unha instalación onde desenvolver o seu traballo dignamente”.
Leticia Gallego sinalou a importancia do traballo das redeiras, que agora comeza a ser recoñecido precisamente “grazas á loita das propias redeiras pola defensa dos seus dereitos e intereses”, agrupándose en sete asociacións e unha federación de redeiras en todo o territorio galego. Sinalou que “a profesionalización e unha formación regulada son necesarias para darlle estabilidade ao colectivo e garantir o relevo xeracional dun labor tradicional manual e altamente cualificado”.