Denuncia que as axencias de viaxes se atopan “desamparadas” por parte do goberno galego, xa que nove meses despois aínda non recibiron as subvencións para o sector prometidas polo Executivo galego
A voceira de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, instou hoxe á Xunta a mellorar a accesibilidade dos albergues do Camiño de Santiago cos máis de 7 millóns de euros consignados para o seu acondicionamento. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Turismo do Parlamento, logo da comparecencia da directora xeral de Turismo para facer balance do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021.
“Non se pode discriminar a persoas con mobilidade reducida”, sentenciou a responsable socialista quen lembrou que os albergues públicos deben ser “un espazo de integración de todas as persoas” e deben ser “practicables”.
Neste sentido, Gallego urxiu tamén ao goberno galego a revisar a conservación dos diferentes camiños, xa que existen tramos en “malas condicións” ou con deficiente sinalización en diversos municipios como Vilaboa, Mos, Vilalba, A Estrada, Ames ou Valga. “A Xunta é quen ten que facer o mantemento dos tramos do Camiño sempre, pero aínda máis en Ano Xacobeo”, sentenciou.
Ambas actuacións xa estaban recollidas como accións específicas do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021, pero non se executaron, o que deixa ver, lamentou Gallego, que o documento “queda no papel” e “non sirve de nada”. De feito, agora, esas mesmas accións “volven estar no Plan Estratéxico Xacobeo 2021”, subliñou.
Fronte a isto, a voceira socialista reivindicou a aposta do Executivo central, a través do Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22, na promoción dos diferentes camiños en todo o territorio nacional cun investimento de 121 millóns de euros dos que chegarán a Galicia 25 millóns.
Ademais, a maiores, o Ministerio de Turismo achegará 42 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 para Galicia e o Ministerio de Transportes está acometendo un plan de seguridade viaria no Camiño cun investimento de 12,5 millóns.
A XUNTA DEBE “ATRAER CANTIDADE E CALIDADE TURÍSTICA”
Noutro orde de cousas, a socialista pediu “atraer cantidade e calidade turística” para o que “é imprescindible” impulsar a transformación dos nosos destinos turísticos cara á sustentabilidade e dixitalización, polo que “fai falla incrementar moito máis o orzamento” nesta partida. “O turismo ten que ser un sector estratéxico para as políticas públicas” do goberno galego, incidiu.
“O turismo en Galicia ten que ir máis aló do Xacobeo”, destacou, ao tempo que subliñou a necesidade de que o goberno autonómico aborde o turismo do rural “como eixo esencial” na estratexia turística de Galicia. Así, lembrou que, no mes de febreiro, o Grupo Socialista solicitou a elaboración dun novo plan de turismo rural a cinco anos vista “con obxectivos medibles e contías económicas” que permitisen desenvolvelo, “pero a proposición non de lei foi rexeitada polo PP”.
A medio e longo prazo, incidiu a socialista, “o turismo rural será o turismo do futuro” e, malia que “temos moitas opcións de turismo na nosa terra”, estas “non están sendo apoiadas como se debería dende a administración autonómica”.
AS AXENCIAS DE VIAXES, “DESAMPARADAS”
A responsable socialista denunciou as “perdas irrecuperables” que están sufrindo as axencias de viaxes que se atopan “desamparadas” por parte da Xunta, xa que a día de hoxe, e cando pasaron nove meses, aínda non se fixo “ningún ingreso” das partidas da subvención para o sector que estipula a resolución de 15 de febreiro deste ano para paliar as caídas importantes da facturación con respecto a outros anos.