A deputada socialista censura as “desigualdades” entre concellos, xa que a Consellería inaugurou en decembro o tramo que une Coirados e Pardavila en Marín, ao tempo que anunciaba que xa estaban licitadas as obras doutro tramo no mesmo municipio, gobernado polo PP
A socialista Leticia Gallego visitou esta mañá o Concello de Moaña, en compañía da tenente de alcalde do municipio, Marta Freire.
Gallego criticou a paralización do proxecto de senda peonil e ciclista entre A Moureira e Palmás, no Concello de Moaña, que foi sometida a información pública pola Consellería de Infraestruturas en abril de 2018, pero continúa sen adxudicarse.
“A Xunta anunciou que ía destinar preto de 580.000 euros a esta ruta, cuxa licitación das obras, segundo o goberno galego levaríase a cabo nese ano 2018, simultaneamente coa eliminación dos dous tramos de concentración de accidentes en Domaio”, destacou a socialista, pero “dende esa data, o Concello non tivo máis noticias do executivo autonómico”.
Así, a responsable socialista sinalou que esta situación xa foi denunciada en 2019 pola tenente de alcalde de Moaña, quen reivindicara que se executen os tramos do Plan de Sendas para a comarca do Morrazo situados neste municipio.
“É intolerable que a veciñanza siga a esperar pola senda peonil e ciclista neste tramo, un proxecto que leva paralizado case 3 anos”, destacou Gallego, quen reclamou “celeridade e igualdade” entre concellos, xa que a Consellería “inaugurou o pasado decembro o tramo que une Coirados e Pardavila en Marín, ao tempo que anunciaba que xa estaban licitadas as obras dunha nova senda na estrada rexional PO-551, entre Bagüín e Seixo, tamén en Marín”, municipio gobernado polo PP.
Finalmente, Gallego sinalou que o PSdeG levou esta cuestión nas emendas aos orzamentos autonómicos de 2021 “que foron rexeitadas polo goberno galego”, co que “amosa o seu desleixo polo tramo da senda que transcorre polo municipio moañés”. Así, a socialista tamén anunciou que esta cuestión será levada polo Grupo Socialista á Comisión de Obras Públicas do Parlamento galego.