A parlamentaria socialista Leticia Gallego emprazou hoxe ao goberno galego a ter en conta os informes e recomendacións do Consello de Contas para previr a corrupción nos partidos políticos. Gallego interveu no debate do informe de fiscalización das contabilidades electorais, que foi aprobado incorporando unha das seis resolucións propostas polo PSdeG, que pedía “aprobar a modificación do Informe de fiscalización” analizado hoxe.
Gallego reclamoulle ao goberno galego “elaborar políticas públicas contra a corrupción e aplicalas” xa que, advertiu, “a construción de políticas de integridade e de sistemas institucionais que tendan a previr as malas prácticas, a fraude ou a corrupción é unha necesidade inmediata na nosa sociedade”. Neste sentido, sinalou que “as diagnoses, suxestións e informes do Consello de Contas teñen que ser tidos en conta e non un mero trámite para a Xunta de Galicia”.
Instou ao goberno galego tomarse en serio as competencias do ente fiscalizador en materia de loita contra a corrupción, un mal endémico que dinamita a confianza da cidadanía na clase política”, con casos coma o Kitchen, que se está a investigar estes días na Audiencia Nacional e que implica a toda a directiva do PP a comezos da década pasada.
A parlamentaria socialista advertiu de que a tibieza amosada polo PP e o Executivo autonómico provocan por exemplo que Galicia teña caído ata a posición 14 das 17 comunidades autónomas en niveis de imparcialidade na xestión, loita contra a corrupción e calidade nos servizos. Así o sinala o Índice sobre Calidade dos Gobernos subnacionais nos países da UE, realizado pola Universidade de Gotemburgo, que apunta “enormes déficits en calidade institucional” por parte da Xunta de Galicia.
Publicidade encuberta
Leticia Gallego reclamou hoxe a fiscalización da publicidade electoral encuberta por parte do goberno galego, para previr prácticas como o que “aconteceu nas pasadas eleccións autonómicas, con publicidade institucional diaria dende tódalas consellerías durante os meses previos aos comicios”.
Reclamou así a fiscalización selectiva do gasto público da Administración Autonómica para contratos menores, acordos marco ou contratos derivados destes en materia de publicidade institucional nos nove meses anteriores á data electoral. Tamén reclamou unha reforma da Lei Electoral para garantir unha regulación máis transparente en materia de doazóns e microcréditos, así como o incremento da cobertura das campañas electorais a través dos medios públicos.
A responsable socialista reclamou ademais “publicar portais de datos abertos en formatos reutilizables, e facer unha fiscalización exhaustiva das fundacións ou entidades vencelladas aos partidos políticos”. Lembrou que “temos un marco normativo propio por cumprir na súa integridade”, en alusión á Lei de 2015 de financiación das formacións políticas e das fundacións e entidades dependentes telas.
Propostas de Resolución do Grupo Socialista aprobadas hoxe:
Resolución núm. 1
-“Aprobar a modificación do Informe de fiscalización das contabilidades electorais correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020”.