Insta ao goberno galego a “retomar” o proxecto da circunvalación do municipio “que leva no caixón dende que chegou Feijóo ao goberno”
A deputada socialista Leticia Gallego mantivo hoxe unha xuntanza con responsables socialistas no Concello de Cangas para avaliar as necesidades do municipio.
Dende alí, a responsable socialista demandou á Xunta a ampliación das naves de redeiras de Cangas, xa que as traballadoras “se atopan nunhas condicións laborais lamentables”. “Non teñen nin vestiarios para cambiarse”, denunciou Gallego, quen urxiu melloras neste senso para un colectivo importante.
Ao fío desta “demanda histórica”, a voceira socialista anunciou que o PSdeG presentará no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para instar á Xunta a ampliar o recinto cando “é evidente que as naves quédanlles pequenas” e “necesitan máis espazo” para traballar en “condicións dignas”.
Noutro orde de cousas, Gallego demandou ao goberno galego que “retome” o proxecto da circunvalación de Cangas, “que leva dentro dun caixón dende que Feijóo chegou ao goberno da Xunta”.
“Trátase dunha vella reclamación do concello, que é enormemente necesaria, xa que cada vez hai más poboación vivindo en Cangas e cando, por riba, esta se multiplica nos meses de verán”, sinalou a socialista, quen avanzou que o PSdeG tamén levará á Cámara unha batería de iniciativas neste senso.