Lamenta a “ineficacia” do sistema de código QR, xa que, segundo os hostaleiros, “a maioría da clientela non se descarga a aplicación”
A voceira de Hostalería do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de criticar a “improvisación constante” da Xunta coas medidas de desescalada para a hostalería cando “non son razoables e o sector non as entende”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao goberno galego.
A responsable socialista censurou que na implementación dunha medida como o código QR “non se tivo en conta a existencia de clientes non tecnolóxicos que non empregan este tipo de ferramentas no seu día a día”. Así, incidiu en que, malia que a medida “é boa”, resulta “ineficiente”, xa que, segundo o propio sector, “a maioría da clientela non se descarga a aplicación”.
Doutra banda, Gallego censurou o “pouco tempo” que se lle deu ao sector para adaptarse ás novas medidas, xa que ao igual que cos códigos QR, os hostaleiros “só tiveron unha semana” para poder mercar os medidores de CO2, co que “foi misión imposible conseguilos en tan pouco tempo”.
Ademais, a responsable socialista sinalou como “incongruente” a idea de que determinas medidas sexan necesarias para as ceas e non para as comidas, como a recompilación de datos dos clientes.
Con todo isto, a socialista criticou a falla de consenso do goberno galego co sector cando “non fala con toda a hostaleira”, caso da asociación de Hostalería Federada Galega (Hosfega), que representa a máis de 4.000 empresarios deste sector.
Noutro orde de cousas, Gallego pediu ao goberno galego que equipare os horarios de peche de bares e restaurantes, tal e como solicitan hostaleiros.
Finalmente, a responsable socialista censurou que malia que “o goberno de España leva transferido 899 millóns a Galicia só para compensar a actividade económica, os galegos e galegas non sabemos a que se dedican eses cartos”.
“Agardamos que a Xunta empregue estes cartos para o rescate da hostalería na nosa comunidade”, concluíu a socialista, quen lembrou que as competencias sobre o sector son do goberno galego, tal e como o recolle o Estatuto de Autonomía de Galicia.