Alerta sobre os “graves problemas” que xerou a “improvisación” do goberno galego con respecto ao bono turístico ao non poderse empregar de xeito dixital
A voceira de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de censurar a falla de planificación da Xunta con respecto á celebración do Ano Santo, xa que “levamos medio ano de Xacobeo e aínda non sabemos a programación”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, logo da comparecencia do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia.
“Sabemos que estamos en medio dunha pandemia e non estamos pedindo grandes concertos, pero pódense facer actos pequenos e vostedes non están facendo nada”, criticou a responsable socialista, quen lamentou que non haxa un “proxecto serio” dende a Xunta de Galicia para empregar a “oportunidade” que supón o Xacobeo “para saír da crise actual”.
Ao fío disto, Gallego cualificou como “incrible” que a Xunta demande ao goberno central 100 millóns de euros para o Xacobeo cando “aínda non sabemos en que vai investir o goberno do señor Feijóo os 85,6 millóns de euros” para esta partida que ten a Xunta nos seus propios orzamentos.
Ademais disto, instou ao goberno galego a “ir máis alá do Xacobeo” con plans estratéxicos para promover o turismo termal en todas as provincias, así como abordar o turismo rural como “eixo esencial” na estratexia turística de Galicia que poña en valor a Galicia interior, ademais de “loitar contra o despoboamento, aproveitando o efecto chamada e a nova sensibilidade cara ao rural xerada trala pandemia”.
Por iso, Gallego propuxo ao goberno galego que elabore un novo plan de turismo rural por un período de cinco años e “que conteña obxectivos medibles e contías económicas”.
Noutra orde de cousas, instou á Xunta a “arranxar o problema” dos xeodestinos unha vez que é preciso desenvolver un marco normativo, definir o proceso de creación dos mesmos, así como definir os seus órganos xestores, funcións ou competencias. A maiores, subliñou, “non podemos esquecer as nosas praias e a nosa gastronomía” xa que “son o produto estrela do noso turismo”.
A “IMPLICACIÓN TOTAL” DO GOBERNO DE ESPAÑA CO XACOBEO
Doutra banda, a responsable socialista loou o Plan Nacional de Turismo Xacobeo 2021-2022 presentado a semana pasada polo goberno de España, que pretende promocionar os diferentes camiños de Santiago como produto cultural e patrimonial en todo o territorio nacional e que contará un investimento que supera os 121 millóns de euros que serán financiados cos fondos Next Generation.
Con todo, Gallego aplaudiu a implicación “total” do goberno central co Xacobeo, unha vez que o Ministerio de Transportes investiu 12,5 millóns de euros en acometer un plan de acción sobre seguridade viaria no Camiño ou ata 20 millóns de euros na rehabilitación da Catedral de Santiago, cuxa escaleira e cripta foi inaugurada a pasada semana polo ministro José Luís Ábalos.
Ademais, reivindicou a responsable socialista, “hai unhas 150 accións en proxecto e en execución coas que o Estado chega a máis de 60 concellos en toda Galicia”.
O BONO TURÍSTICO
En canto ao bono turístico, a responsable socialista censurou a “improvisación” do goberno galego cando os establecementos adheridos só poden utilizar unha TPV física para canxealo, sen ter posibilidade de empregalo de xeito dixital. Isto, subliñou, é un “problema” para axencias de viaxes e hoteis que é “outra consecuencia máis da improvisación da Xunta” en materia turística.
Finalmente, Gallego criticou a “confrontación constante” na que está instalado o goberno galego con respecto ao goberno central. Fronte a isto, pediu, “terían que cooperar” co resto de administracións “para saír desta gran crise económica e reforzar o turismo”.