O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe a unidade de tódalas forzas parlamentarias para levar ao Congreso a proposición de Lei para reclamar de novo a transferencia da AP-9 presentada polo BNG e que comezou hoxe o trámite parlamentario. O responsable socialista criticou a “estratexia da tinta do calamar” do presidente da Xunta logo do bloqueo de PP e Ciudadanos ao debate desta transferencia no Congreso.
O responsable socialista criticou o veto do ministro de Fomento a tramitar esta iniciativa nas dúas ocasións anteriores nas que foi levado ao Congreso, que foi aceptado polo PP e Ciudadanos na Mesa da Cámara con argumentos “non fundamentados xuridicamente” e nunha mostra de “filibusterismo parlamentario”. Así o confirmou o Tribunal Constitucional, dixo, quen considerou “improcedente” a actuación do goberno.
Sinalou tamén a estratexia de Feijóo, que renunciou a defender a transferencia fronte ao seu partido para pasar a acusar á oposición “intentando furtar a responsabilidade fundamental” sobre a situación actual da infraestrutura, que se remonta ao aprazamento da concesión ata 2048 co PP en Moncloa, Cascos en Fomento e o PP de Fraga gobernando en Galicia.
Fernández Leiceaga chamou á unidade das forzas parlamentarias para presentar de novo unha proposición de Lei deseñada a salvar os argumentos do goberno para bloquear o seu debate.
Defendeu a utilidade da transferencia dunha “vía central que comunica ao 70 por cento da cidadanía de Galicia e que está mellor xestionada dende a proximidade, atendendo ao principio de subsidiariedade”. Así o demostra a xestión da AP-9 nas últimas datas, modulando as peaxes “en función a criterios políticos máis que técnicos” e que provocan “situacións heteroxéneas parecidas no territorio”.
Explicou que o colapso da ponte de Rande desta pasada fin de semana fai “máis perceptible se cabe a utilidade desta transferencia” diante das “dúbidas da capacidade da concesionaria e da intervención da administración responsable, sinaladamente o Ministerio de Fomento”.
Amosou a súa “convicción de que a transferencia producirase” en base á “demanda unánime” das forzas políticas galegas para unha petición que “non rompe a unidade de España nin pon en perigo ningún proxecto de Estado porque a transferencia se produza”.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE