A viceportavoz segunda do Grupo Socialista lembrou que hoxe “culmina un proceso iniciado hai case tres lustros, cando Ramón Villares, daquela presidente do Consello da Cultura Galega, propuxo a constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres”
Méndez sinalou a transcendencia deste avance institucional “cando vemos como o Partido Popular tenta, moitas veces, reinventar o pasado ao seu antollo”, polo que insistiu na importancia de preservar a memoria e o legado común de Galicia
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, destacou esta mañá a relevancia institucional do acto de constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, celebrado en San Domingos de Bonaval. “Hoxe estamos ante un día que ten xa a súa páxina na memoria colectiva de Galicia”, sinalou.
Méndez lembrou que a creación da fundación culmina un proceso iniciado hai case tres lustros, cando Ramón Villares, daquela presidente do Consello da Cultura Galega, propuxo a constitución do patronato e o impulso dunha lei que agora se fai realidade. Un fito, dixo, que foi posible grazas ao consenso dos tres grupos parlamentarios.
A parlamentaria puxo en valor a pegada de figuras como Castelao e Rosalía de Castro, “que co seu compromiso e co seu traballo dignificaron a nosa lingua, nun momento no que o galego afronta serios retos e precisa ser defendido como parte esencial da nosa identidade e da nosa cultura”.
Sinalou a transcendencia deste avance institucional “cando vemos como o Partido Popular tenta, moitas veces, reinventar o pasado ao seu antollo”, polo que insistiu na importancia de preservar a memoria e o legado común de Galicia: “Se non lembramos o que fomos, estamos abocados a repetir os mesmos erros”.
“É un día satisfactorio, para celebrar e, sobre todo, para recoñecer o que nos une como pobo”, concluíu.