Besteiro empregará a sesión de control para esixirlle a Rueda que responda pola suposta viabilidade económica dun proxecto que precisa de 250 millóns a fondo perdido que a Xunta agora non quere poñer enriba da mesa
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reclamaralle ao presidente da Xunta que explique no Parlamento o seu apoio pechado ao proxecto de Altri para construír unha macrocelulosa en Palas de Rei. Así o explicou a viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, en rolda de prensa logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, onde dixo que “os bandazos da Xunta con Altri evidencian o que sempre dixemos: é un proxecto político, non estratéxico”.
Méndez criticou que a Xunta converteu o proxecto nunha “decisión política cargada de opacidade” e lembrou que os socialistas galegos “advertimos dende o primeiro momento que non se trataba dunha cuestión meramente técnica e medioambiental”. Subliñou que o goberno galego confirma que estaba a actuar como “axente comercial” da empresa mentres agochaba información.
A responsable socialista apuntou que “estamos onde estivemos sempre”, e que é agora cando “empezan a todos a preocuparse polos cartos”, mentres o presidente da Xunta “recolle carrete dicindo que con fondos propios case que non”.
Alertou fronte á “viabilidade económica máis que dubidosa” dun proxecto que antes de nacer precisa de 250 millóns de euros “a fondo perdido” e que piden “sen garantías claras de retorno nin de xeración de emprego estable”, e dos que o goberno galego non quere saber nada. Lembrou que foi a Xunta quen declarou o proxecto estratéxico sen ningunha explicación e cando o proxecto variaba sen explicación algunha.
Dixo que o presidente da Xunta terá que responder diante das dúbidas que “existen e persisten” nun proxecto que amosa o “modelo PP de opacidade e uso irresponsable dos fondos públicos”. Mentres, dixo, os socialistas galegos “defendemos unha política industrial baseada na eficiencia dos recursos, a innovación e a sostibilidade, e non no financiamento de proxectos sen base sólida”.
Replicoulle a Rueda cuestionando a “dobre vara de medir” que ten a Xunta con outros proxectos, logo de declarar a Altri como proxecto industrial estratéxico sen dar explicacións e cuestionou a existencia de “intereses partidistas ou amiguismo con quen o promociona”. Lembrou os “bandazos” do goberno galego con este proxecto, que ía ser unha planta téxtil na Mariña que crearía máis de 2.500 traballos e remata como unha pasteira en Palas para menos de 500 postos de traballo.
Apuntou ás “moitas dúbidas” da viabilidade medioambiental do proxecto, que aínda require dos informes de Augas de Galicia e os principios da UE que buscan preservar o territorio dos prexuízos medioambientais, polo que advertiu que “ten que seguir o seu trámite, pero dubidamos que poida acadar os fondos”.
Débeda
Lara Méndez anunciou que os socialistas presentarán unha proposición non de Lei para “retratar” ao presidente da Xunta e ao PP respecto da condonación da débeda, forzando unha votación “a favor ou en contra de que Galicia se acolla á condonación de 4.010 millóns de euros ofrecida polo goberno central”. Explicou que o Pleno incluirá unha proposición non de Lei para “ver que man levantan, se a da choromigueo ou a das solucións para Galicia”.
O Pleno da próxima semana incluirá unha moción para reclamarlle á Xunta que asigne fondos propios ao Bono Alugueiro Mocidade, como están a facer outras comunidades autónomas, para como mínimo igualar o investimento que destina o Estado. Lembrou que dos 13 millóns do programa, o goberno central entrega 11,4 mentres a Xunta ten asignados 1,4 que nin sequera proceden de fondos propios, senón que veñen do que lles sobrou da anterior convocatoria.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para promover as boas condutas e previr a violencia no deporte, para que non se repitan feitos tan graves como a recente agresión ao avó dun árbitro dun partido de balonmán cadete, que derivou no seu falecemento. A sesión incluirá unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que cumpra coas sentenzas xudiciais que lle dan a razón a Down Galicia sobre a discriminación nas axudas para libros de texto e material escolar.
O Grupo Socialista incluirá unha interpelación para esixirlle á Xunta que deseñe un Plan estratéxico da Dependencia logo de coñecer o último informe do Observatorio da Dependencia, que revela que nos últimos 8 anos faleceron en Galicia 6.571 persoas mentres agardaban pola súa resolución. Finalmente, incluirán dúas preguntas para reclamar un plan de choque contra as listas de espera no Hospital da Mariña e garantir profesorado de apoio no CPI Castro Baxoi, de Miño.