A secretaria de Organización do PSdeG participou hoxe en Viveiro nunha manifestación en defensa da sanidade pública e suliñou que “isto non é un problema puntual, senón o resultado dunha estratexia política que aposta por desmantelar o público mentres se poñen os recursos ao servizo de intereses privados”
A secretaria de organización do PSdeG e deputada no Parlamento galego, Lara Méndez, participou hoxe na concentración convocada en Viveiro en defensa da sanidade pública e para denunciar a grave situación asistencial que sofre a comarca da Mariña.
“Hoxe estou en Viveiro acompañando á veciñanza da Mariña para denunciar unha situación insostible na sanidade pública”, asegurou Méndez, quen sinalou que “o que está a suceder nesta comarca é unha mostra clara do abandono ao que o PP somete os servizos públicos en toda Galicia”.
A socialista criticou que a atención primaria está “ao bordo do colapso” por mor dunha “xestión absolutamente deficiente durante 16 anos”, que se traduce en “cupos sen cubrir, centros de saúde sen médicos e médicas de familia e esperas interminables”. Para Lara Méndez, “isto non é un problema puntual, senón o resultado dunha estratexia política que aposta por desmantelar o público mentres se poñen os recursos ao servizo de intereses privados”.
“Mentres a xente sae á rúa para defender a sanidade, o PP fai un Mazón e vén de paparota a Viveiro”, ironizou en referencia ao xantar que varios cargos do Partido Popular, encabezados por Miguel Tellado, celebran hoxe na localidade mariñá. “É unha burla á cidadanía que loita por ter unha sanidade digna”, engadiu.
Méndez advertiu tamén sobre as palabras do conselleiro de Sanidade, que “hoxe mesmo deixou entrever que podería haber máis peches de centros de saúde”. “Desde xa lle dicimos que non o imos consentir”, sentenciou.
Durante a súa intervención, Lara Méndez respondeu tamén ás declaracións da conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, quen cualificou de “protesta de comunistas” o masivo rexeitamento social á instalación da macrocelulosa en Palas de Rei.
“É un auténtico despropósito que o señor Rueda e os seus conselleiros pretendan descalificar a miles de galegos e galegas que están a manifestar unha preocupación lexítima chamándolles comunistas”, afirmou. “A dereita pensa que chamar comunista é un insulto, cando en realidade o que están facendo é desprezar á cidadanía que protesta con razón e de forma pacífica. Isto amosa unha vez máis que o presidente da Xunta non entende Galicia, non escoita á xente e despreza a crítica democrática”.
“Aquí non se trata de ideoloxías, trátase de sentido común”, concluíu Méndez. “O que se está cuestionando é que se regalen 250 millóns de euros de diñeiro público a unha empresa privada, sen transparencia e sen garantías ambientais, mentres milleiros de persoas quedan sen médico de familia. Iso non é comunismo, é responsabilidade”.
Na concentración en Viveiro participaron a deputada Patricia Otero, o senador César Mogo e varios alcaldes e alcaldesas socialistas da Mariña.